BNG rexeita a escandalosa suba que pretende AUDASA na AP-9 e exixe ao Goberno que a free
Néstor Rego lembra que a Unión Europea declarou ilegais as prórrogas da concesión, polo que é hora de lle pór fin
“A presión social e política permitiu conquistar descontos importantes nas portaxes; agora é preciso reactivala para lograr que a Autoestrada do Atlántico pase a ser libre de peaxes”, sinala o deputado nacionalista
Ante o anuncio de AUDASA de solicitar un incremento nas portaxes da AP-9 de 9,38%, o BNG reclama ao Goberno que free esa subida, que considera “escandalosa” e traballe xa en lle pór fin á concesión unha vez que a Unión Europea declarou as dúas prórrogas (que permitiron pasar de 40 a 75 anos) ilegais. O deputado Néstor Rego exixe ademais que, en canto isto non se executa, o Goberno asuma o 1% que corresponde ás obras de Rande e negocie o que corresponde á inflacción.
Néstor Rego considera que a suba das portaces da AP-9 que pretende AUDASA é “absolutamente escandalosa” e exixe ao Goberno que a pare pois a súa aplicación suporía “un novo mazazo ás empresas do noso País e a todos os galegos e galegas”. Rego lembra que a Unión Europea declarou ilegais as dúas prórrogas (realizada unha polo Goberno de Felipe González e outra polo de Aznar) que estenderon unha concesión que debería ter finalizado en 2013 até o ano 2048.
“Esas prórrogas foron unha fraude e un roubo a todos os galegos e galegas para maior lucro de empresas multinacionais e unha vez que ficou claro que foron ilegais o que corresponde é pór fin á concesión canto antes”, sinala o deputado nacionalista. “Non só non debemos continuar pagando, senón que se debería devolver todo o pagado de forma irregular desde o ano 2013”.
A frente nacionalista destaca que as elevadas portaxes da AP-9 son unha carga para todas as galegas e galegos que deben utilizar esa vía de forma habitual e tamén para as empresas galegas que ven incrementados os seus custos de operación e perden competitividade.
O deputado nacionalista salienta que o BNG rexistrou unha emenda aos Orzamentos do Estado para 2023 para dotar unha partida que permitise realizar un estudo de como proceder tecnicamente a pór fin á concesión que “antes ou despois virá obrigada pola resolución da Unión Europea”, mais que entende que non debe demorarse máis.
“A presión social e tamén a presión política exercida polo BNG permitiu conquistar rebaixas e bonificacións importantes nas portaxes da AP-9; agora é preciso reactivar esa presión para lograr canto antes que a Autoestrada do Atlántico pase a ser libre de portaxes”, enfatiza Rego.
En canto iso non aconteza, o BNG reclama que o Goberno free a suba proposta por AUDASA. Para comenzar, asumindo con cargo aos Orzamentos do Estado o 1% anual acumulativo correspondente aos convenios de 2011 e 2013, “tal e como está recollido no Acordo de Investidura”. Ademais, Rego exixe ao Ministerio que negocie para reducir o incremento correspondente á inflación.
“Infelizmente, o Goberno vai permitir que os traballadores e traballadoras perdan poder adquisitivo porque as subas salariais non se van equiparar á inflación. Por contra, os fondos voitre que controlan AUDASA parece que teñen amarrada esa suba, absolutamente inxusta para todos os galegos e galegas; por iso o Goberno debe actuar”, sinala o deputado nacionalista.