O BNG rexeita a decisión da UE de non incluír cota para os cefalopodeiros no acordo con Mauritania

O BNG amosa a súa "rotunda oposición" á decisión da Comisión Europea de non incluír cota de capturas para a frota cefalopodeira no protocolo que está a negociar con Mauritania en substitución do actual acordo co país africano, cuxa vixencia finaliza o 31 de xullo.

En resposta a unha interpelación formulada pola eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, a comisaria europea de Pesca, María Damanaki, comunica que a poboación de cefalópodos, -luras e polbo-, "están sobreexplotados", segundo os ditames científicos dos que dispón o Executivo da UE: "Os cefalópodos se sobreexplotan actualmente e as posibilidades de pesca desta poboación, neste momento, deben reducirse a cero no novo Protocolo", responde a comisaria a Miranda.

Como única alternativa, a responsable comunitaria de Pesca propón "a inclusión dunha cláusula de revisión no Protocolo" que permitiría á frota cefalopodeira volver a augas mauritanas baixo un acordo da UE se os informes científicos amosan unha recuperación das especies. "Tendo en conta a posible mellora do estado desta poboación e para non descartar futuras actividades de pesca, a Comisión propón a inclusión dunha cláusula de revisión do protocolo", indica textualmente o texto remitido á eurodeputada.

Inaceitábel

Miranda cualifica de "inaceitábel" esta proposta e volve a interpelar á comisaria Damanaki demandando os ditámines científicos "nos que a Comisión afirma basear esta decisión, porque a información da que dispón o BNG a través do Instituto Oceanográfico Español indica todo o contrario, que os cefalópodos están recuperados".

Non pode excluírse esta frota sen unha compensación económica e unha alternativa noutras pesquerías

"En calquera caso, aínda nese suposto, non é admisible adoptar esta medida sen consultar á frota afectada e sen ofrecer alternativas, como por exemplo negociar acordos con outros países africanos, como Senegal ou Costa de Marfil onde podería faenar a frota cefalopodeira galega", sinala a eurodeputada, quen lembra que tamén está en suspenso o acordo con Guinea- Bissau desde fai un mes por razóns de seguridade, tras o recente golpe de estado nese país, con frota cefalopodeira afectada.

Compensacións económicas

Igualmente, o BNG demanda "medidas de compensación económica para os cefalopodeiros que agora traballan en Mauritania, tanto se non se chega a un acordo o 31 de xullo, como se este acordo é desfavorable para Galiza, igual que se está compensando á frota andaluza e canaria por non poder faenar en Marrocos", explica Miranda.

24 barcos, 400 empregos

O acordo entre a UE e Mauritania, ao amparo da dimensión exterior da Política Pesqueira Común, ten unha vixencia de 4 anos que expira o 31 de xullo, en función do cal barcos de 12 Estados membros faenan en augas mauritanas a cambio dunha contrapartida económica de 305 millóns de euros, entre outros aspectos. Da frota comunitaria, Galiza dispón dun total de 24 barcos cefalopodeiros na rexión, que dan emprego directo arredor de 400 persoas.

Na resposta a eurodeputada, a Comisión salienta que o "principal tema" de negociación que está a impedir un acordo é o importe da contribución financeira que a UE abonaría a Mauritania para seguir faenando nos seus caladoiros. "Calquera novo acordo só poderá aceptarse se ten en conta tanto unha boa relación coste-beneficio, como a xestión sustentable das poboacións de peixes", indica o departamento que dirixe Damanaki.

Tras sete rondas oficiais de negociacións segue sen haber acordo entre ambas partes a 15 días de finalizar o actual convenio.