O BNG rexeita as amezas e imposicións do T.C contra o proceso constituínte catalán
O BNG rexeita enerxicamente a decisión do Tribunal Constitucional de suspender as conclusión sobre o proceso constituínte catalán aprobadas por maioría no Parlamento de Cataluña. Ademais, o Bloque Nacionalista Galego reitera a súa complicidade e solidariedade plena coas forzas políticas que promoven o proceso de independencia na Cataluña, en particular a CUP e ERC, así como coas dirixentes políticas que foron ameazadas de eventuais responsabilidades penais, en particular as dúas primeiras autoridades de Cataluña, a presidenta do Parlament, Carme Forcadell e o presidente da Generalitat, Carles Puigdemont.
O Tribunal Constitucional español respondía con esta resolución a unha petición do Goberno español, á súa vez sustentado nun informe da Avogacía do Estado, no que explicitamente se solicitaba a suspensión da presidenta da Cámara catalá. Esta nova medida entronca cunha longa serie de prohibicións e ameazas, explícitas ou implícitas, coas que o goberno español, e o Estado en realidade, pretender impedir o acceso democrático do pobo catalán á súa independencia. Ao igual que na maioría dos casos nos que se constituíron novos Estados independentes no mundo, este proceso terá que avanzar a partir da superación e desobediencia da lexislación estatal previa. Neste caso, o Estado Español só parece disposto a ofrecer novas ameazas, imposicións e represións contra a vontade maioritaria dun pobo, mesmo coa anulación de acordos parlamentares, prohibición de eventuais consultas democráticas e inhabilitacións de cargos políticos por desenvolver o programa co que foron escollidos.
O BNG reclama para os diferentes pobos do Estado o mesmo que esixe para a Galiza, e que resulta imposíbel de efectivizar no marco xurídico español: o recoñecemento do seu dereito a decidir e a desenvolver os seus propios procesos soberanos, constituíntes e democrático. Negamos a lexitimidade democrática das institucións nacidas dunha reforma fraudulenta do réxime ditatorial anterior, que ten a súa principal expresión na Constitución do 78. En particular, negamos a capacidade do TC -con oito membros escollidos pola maioría do Congreso e Senado e dous polo goberno directamente, e cuxo presidente, Pérez de los Cobos, ten recoñecido a súa militancia no PP- para deter un proceso constituínte democrático, participativo, que conta co recoñecemento das institucións catalás e dun masivo apoio popular.