Congreso

BNG responsabiliza PSOE e Podemos de marxinar a Galiza nos Orzamentos do Estado

Néstor Rego anunciou que o BNG votará en contra dunhas contas que castigan o noso País cunha baixada de 104 millóns de euros en relación aos orzamentos do PP de 2018 e salientou que a firmeza nacionalista en defensa dos intereses dos galegos e galegas é fundamental para que nos próximos orzamentos non se repita esta discriminación. Aliás, anunciou que o BNG seguirá traballando para que todas as medidas que PSOE e Podemos non quixeron incorporar a estes orzamentos poidan saír adiante nos próximos tempos.

O portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, anunciou que a formación nacionalista votará en contra do proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2021 presentado polo Goberno español. Rego enfatizou que estamos diante dunhas contas que discriminan o noso País cun descenso do investimento territorializado en 11% e unha caída de 104 millóns de euros en relación cos últimos orzamentos aprobados de 2018 do Partido Popular.

A formación nacionalista considera incomprensíbel a “actitude pechada” do Partido Socialista e de Podemos a incluír calquera emenda que implicase modificar á alza “nin un euro” as partidas que teñen que ver coa Galiza. E puxo como exemplo que PSOE e Podemos votasen en contra dunha partida de só 1 millón de euros para a rexeneración da ría do Ferrol.

Rego asegurou que os deputados e deputadas dos partidos do Goberno terán que explicar porque defenden uns orzamentos maos para a Galiza e tamén por que votan en contra de propostas do BNG para melloralos. “Terá que explicar Yolanda Díaz por que rexeita unha partida para converter Navantia nun Complexo Industrial Integral que acolla tamén a construción naval civil para xerar novos postos de traballo, ou unha partida para garantir a intervención pública de Alcoa. Gómez Reino ou Pilar Candela, congresistas pola Coruña, terán que explicar por que votan en contra dunha partida de 20 M€ para a conexión ferroviaria co Porto Exterior ou dunha partida de só 1.300.000 euros para compensar as mariscadoras da Ría do Burgo que teñen que parar a actividade durante as obras de dragado e rexeneración. Ou terá que explicar Gonzalo Caballero por que en 2018 cualificaba os orzamentos de Montoro como “unha labazada do PP aos galegos” e agora estes, con 104 M€ menos lle parecen estupendos” enfatizou Rego.

O deputado nacionalista denunciou os argumentos demagóxicos que socialistas e Podemos están a empregar “para defender o indefendíbel” e subliñou que para o BNG, á hora de explicar o descenso do investimento na Galiza en relación a orzamentos anteriores “non serve a xustificación do AVE porque ademais de que este está sen acabar, temos moitas necesidades pendentes especialmente en infraestruturas ferroviarias”.

Aliás, Rego rebateu a argumentación do Goberno de que a Galiza recibe máis orzamentos por habitante que a media do Estado. “O que non teñen en conta é o déficit histórico que padece o noso país en investimentos en infraestruturas,  especialmente na rede interior ferroviaria. E colocou como exemplo que o MITMA “presume” de dotar unha partida de 1.500 M€ para modernizar as cercanías ferroviarias. “Nin un só euro desde 1.500 millóns virá para a Galiza, pola simple razón de que aquí as cercanías non existen, antes habería que crealas, como propuña o BNG nas súas emendas que PSOE e Podemos rexeitaron” subliñou.

O deputado nacionalista denunciou a demagoxia dos partidos do goberno para poder xustificar estes orzamentos, como acusar o BNG de se opor á suba das pensións 0,9%. “Ao contrario, propuxemos subir as pensións mínimas até equiparalas co Salario Mínimo Interprofesional. Os deputados/as da coalición do Goberno votaron en contra, a pesar de que cando estaban na oposición o defendían”. O BNG considera que esta suba serviría para romper coa brecha de xénero, pois as mulleres teñen en xeral pensións máis baixas e coa brecha territorial, xa que a Galiza ten as segundas  pensións máis baixas do Estado e a provincia de Ourense as máis baixas, 543 euros menos que a media de Madrid.

Igual de falso e demagóxico considerou Rego as acusacións de se aliar con Vox e co PP. “Nós tan só nos aliamos cos galegos e galegas e coa defensa dos seus intereses, estea quen estea no goberno de Madrid”. En todo caso lembrou que PSOE e Podemos votan en moitas ocasións coa dereita e a ultradereita, e sinalou que “o PSOE vota sistematicamente con Vox e co PP na Mesa do Congreso para impedir que saia adiante unha Comisión de investigación a Juan Carlos de Borbón e á corrupción da monarquía dos Borbóns.

Por outra parte, o deputado nacionalista salientou que o BNG considera que estes orzamentos ficaron lonxe de ser realmente sociais, pola aposta insuficiente por políticas tributarias e orzamentarias que fosen na dirección de reforzar a protección social e os servizos públicos. “Estes son uns orzamentos en que se opta por incrementar o gasto militar en case 5%, máis de 400 millóns de euros a maiores, ou 300 millóns máis para o CNI para que espíe máis e mellor ou continúa subindo a partida asignada á Casa Real en vez de concentrar eses recursos en políticas de protección social”. Nese sentido, destacou que o BNG presentou unha emenda para que fose incrementada a partida destinada a financiar a Lei de Dependencia en 250 millóns de euros para que o Estado se aproximase da obriga legal de financiar 50% das accións que teñen que ver coa dependencia, emenda que foi rexeitada por PSOE e Podemos.

Na mesma liña, Néstor Rego criticou que algunha medidas que terían que ir na dirección de políticas fiscais transformadoras ou redistributivas ficaron sen materializarse. Entre elas citou un imposto á banca e ás eléctricas, unha taxa COVID ás grandes fortunas para facer fronte á reactivación social e económica ou incrementar o imposto de patrimonio a partir de 1 millón de euros en vez de 10, como fixo o goberno.

Subliñou tamén Néstor Rego que os partidos do Goberno rexeitaron emendas do BNG  para que sectores especialmente vulnerábeis neste contexto paguen menos impostos, como a eliminación do IVE ás máscaras e materiais de protección fronte ao coronavirus, a rebaixa a 4% aos produtos culturais, produtos de hixiene feminina ou a servizos esenciais como auga, luz ou gas “para que ninguén teña que optar entre comer ou pór a calefacción” e a baixada a 10% nos salóns de peiteados.

Rego sinalou que entre os elementos positivos destes orzamentos están as partidas para a rebaixa das peaxes da AP-9 e para a rexeneración da Ría do Burgo, que están aí grazas á insistencia do BNG e a que as incluímos como prioritarias no Acordo de Investidura”. En todo caso, insuficientes para dar o apoio a estas contas.

“O BNG representa aquí a dignidade e a firmeza en defensa dos intereses de todos os galegos e galegas, do pobo traballador da Galiza. E esta firmeza do BNG é fundamental para que nos próximos orzamentos non se repita este agravio, non se repita esta discriminación” subliñou Néstor Rego, que destacou que o BNG seguirá traballando para que todas as medidas que PSOE e Podemos non quixeron incorporar a estes orzamentos Poidan saír adiante nos próximos tempos. “A actividade parlamentaria do BNG vai ir encamiñada en actuacións que consideramos que son esenciais no ámbito das infraestruturas e no ámbito das políticas ambientais, así como no que ten que ver coas políticas sociais que afectan ás clases populares do noso país”, afirmou.