BNG responde ao conselleiro de Medio Rural que sobran textos legais e falta “proxecto de país” para que non sigan pechando ás explotacións agrarias
Afirma que o problema do rural galego un nome: “abandono”. Abandono da actividade agrogandeira, poboacional, caos forestal polo exceso de biomasa e falta de relevo xeracional
Tras a comparecencia do conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez para explicar as actuacións da Lei de recuperación da terra agraria e concentracións de parcelas, o portavoz de agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas respondeu que “sobran textos legais” e falta “proxecto de país” para impedir que as explotacións agrarias continúen pechando.
Por outra banda, cualificou de “insuficientes” as 10 mil Has mobilizadas e denunciou “as longas demoras” nas concentracións parcelarias entre as que destacou Sandónigas no ano 1967 ou o peche en precario ou enquistado de Catoira e Zona Norte de Mondoñedo.
As políticas agrarias do Partido Popular desde a reforma da PAC do 92, afirmou o nacionalista, levaron a este país ao abandono da actividade agraria e a unha dependencia alimentaria e produtiva suicida e hoxe, 11 de abril de 2023, “Galiza xa non produce cereal” para facer o pan porque as comarcas cerealistas están “a toxo e matogueira”.
Xosé Luís Rivas (Mini), salientou que en todo este proceso de deterioro houbo un paréntese breve pero aleccionador de tres anos e medio cun goberno bipartito sensato que apostou pola mobilidade de terras coma prioridade urxente e comezou o labor cunha lei que activaba as terras infrautilizadas e as unidades conxuntas de xestión do monte. Un goberno, que espallou todos os activos humanos e económicos ás aldeas para promocionar e darlle vida a un rural que o Partido popular se empeñou en esganar.
O PP leva 13 anos agrandando a desagrarización e o caos e despois do desastre de outubro do 17, presentan un texto legal “pola porta de atrás” para promocionar basicamente as aldeas modelo. “Unha propaganda moi cara en investimentos e con escasos resultados”. Unha proposta que consuma o abandono e sen intención de revertelo.
Nesta liña, engadiu que Informes parciais elaborados por expertos vaticinan que en Galicia a porcentaxe media de terra agrícola que se perderá nos próximos 10 anos será do 35%. E os informes globais, os de verdade, os que facemos todos os días reflicten que cada ano pechan explotacións porque “a recuperación non existe, e as súas políticas son maquillaxe barata que non leva a ningures”.
O texto legal do que tanto presume, recalcou Rivas, ten un problema de horizonte porque non facilitará a terra agraria a pequenos e medianos proxectos. Os grandes beneficiarios serán á grupos empresariais e agrogandaría industrial. Tres consorcios internacionais de capital estadounidense que controlan o 28% do rico territorio ucraíno. 17Millóns de hectáreas en maos de Cargill, Dupont e Monsanto.
O deputado do BNG urxiu a iniciar unha reestruturación da propiedade marcando dinámicas de desenvolvemento e mellora agraria, con planificación e considerando a “propiedade agraria coma un ben social”. Mentres en Galiza contamos co 23% de Sau, en Bretaña alcanzan o 60% e en Irlanda, o 65%, esas son porcentaxes ás que temos que aspirar ou superar, recalcou o deputado.
O medio rural galego ten nome propio: ABANDONO
Na quenda de réplica ao conselleiro, Xosé Luís Rivas insistiu en que o rural galego ten un nome: abandono. “Abandono da actividade agrogandeira, abandono poboacional, caos forestal por exceso de biomasa e falta de relevo xeracional nas explotacións”.
Na súa opinión, este abandono pode ser freado a través doutras políticas porque “sobran leis e falta un proxecto de país” para dotar as OACs de persoal formado, recursos financeiros ao Plan Integral, medidas cara un horizonte de soberanía alimentaria e recuperar poboación. Para todo isto, volveu a dicir o nacionalista é necesaria “vontade política e non vender o noso país”.