BNG require trato igualitario para galego e español na proba de acceso á Universidade
“As modificacións introducidas no proxecto de Real Decreto que regulará a proba supón un trato discriminatorio e unha grave desigualdade entre as linguas oficiais do Estado diferentes do español”, alerta Néstor Rego.
O deputado do BNG exixe a rectificación do Ministerio de Educación e FP após as modificacións introducidas que non foron consensuadas na Mesa Sectorial e están a crear malestar entre os profesionais docentes
O Bloque Nacionalista Galego exixe a rectificación do Goberno e o restabelecemento da igualdade de trato entre as distintas linguas oficiais do Estado na regulación da proba de acceso á Universidade, a ABAU, despois das modificacións introducidas polo Ministerio de Educación e FP. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para que, alén da rectificación do executivo, o Ministerio leve estas cuestións aos representantes dos e das docentes a través da Mesa Sectorial posto que “a súa opinión debería ser tomada en consideración” en decisións desta magnitude.
A última versión para regular a proba de acceso á Universidade presentada polo Ministerio supón un trato diferenciado e discriminatorio entre as linguas oficiais, segundo denuncia o deputado do BNG no Congreso, xa que non blinda a proba das linguas oficiais diferentes ao español. Serán as administracións autónomas, a Xunta de Galiza no caso galego, as que decidan estabelecer a obrigatoriedade de realizar a proba, por exemplo, de Lingua e Literatura II.
“Esta modificación vulnera a igualdade que debe existir entre o galego e o castelán e, de levarse a cabo esta alteración, facilitaría un trato desfavorábel para o galego e porán en dúbida a realización das probas nas materias da especialidade de Lingua e Literatura galega” alerta Néstor Rego. Neste sentido, o deputado explica que o BNG, a pesar de concordar na necesidade de que as Comunidades Autónomas teñan unha maior capacidade e competencias para a ordenación académica e o deseño da proba, o Ministerio “debe rectificar e estabelecer un trato igualitario para todas as linguas oficiais do Estado nesta proba de acceso á Universidade”.
Alén do máis, a organización nacionalista sinala que esta modificación foi tomada sen tomar en consideración a opinión do persoal docente, o que provocou malestar entre profesoras e profesores, tal e como trasladou a CIG-Ensino, sindicato maioritario nos centros educativos da Galiza. “Modifican a normativa académica desde a sede ministerial e negociada coas administracións autonómicas na Conferencia Sectorial mais que non se eleva á Mesa Sectorial docente para darlle voz ao profesorado” recrimina Rego.
No caso da Galiza e o galego, explica Rego, a modificación relacionada coas linguas oficiais é de especial gravidade posto que, dada a aplicación do Decreto do Plurilingüismo por parte da Consellería de Educación, o galego queda relegado do seu uso e por tanto da obrigatoriedade de mostrar a súa competencia nas materias científicas.