BNG require incluír os trens AVANT media distancia na bonificación de 100% anunciada polo Goberno
Néstor Rego urxe o PSOE e UP a levar a cabo os investimentos necesarios, tanto en infraestruturas como en servizos, para que a Galiza poida ter un ferrocarril do s. XXI
Reyes Abad demanda recuperar as liñas existentes antes da pandemia, un aumento das frecuencias e unha política tarifaria atraínte que faga que máis persoas comecen a empregar o ferrocarril
A frente nacionalista defende a necesidade de implantar o servizo de cercanías ferroviarias no País: “de non facelo, Galiza estaría duplamente discriminada”
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, xunto coa representante da Plataforma das persoas usuarias dos trens de Media Distancia e Avant, Reyes Abad, reclaman na cidade da Coruña ao Goberno do Estado que rectifique a súa decisión de deixar fóra das bonificacións de 100% o servizo ferroviario Avant media distancia que conecta A Coruña, Santiago de Compostela e Ourense. De non facelo, Galiza estaría duplamente discriminada xa que non conta co servizo de cercanías e tampouco se poderá aproveitar da bonificación durante os catro meses. Así mesmo, Rego exixe reverter o desmantelamento ferroviario na Galiza e demanda ao Goberno do Estado que leve a cabo os investimentos necesarios, tanto en infraestruturas como en servizos, no País.
Na estación de ferrocarril da cidade da Coruña, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reúnese co voceiro municipal do BNG, Paco Jorquera, a deputada no Parlamento de Galiza, Mercedes Queixas, e a representante da Plataforma de persoas usuarias dos trens de Media Distancia e Avant, Reyes Abad, para demandar a aplicación da bonificación de 100% nos Avant que unen a cidade herculina con Santiago de Compostela e Ourense.
O Presidente do Goberno do Estado anunciou durante o Debate do Estado as medidas que aplicará o executivo nun futuro próximo. Entre elas, destaca a bonificación de 100% dos abonos do servizo de cercanías e media distancia, que ten por obxectivo promover o uso do transporte público. “Cando falamos de sustentabilidade en materia de transporte falamos fundamentalmente de apoiar un transporte público eficiente e eficaz como é o ferrocarril” afirma o deputado do BNG. Mais Rego lembra que a medida anunciada é unha bonificación que durará só catro meses –de setembro a decembro- e anunciada só para os servizos de cercanías e media distancia.
De facto, durante o debate do Estado, o deputado nacionalista xa avanzaba que ningún galego se beneficiaría das bonificacións no servizo de cercanías porque na Galiza non existen as cercanías ferroviarias. “Non tanto para denunciar a discriminación que supón o non acceder a este tipo de bonificacións durante catro meses, senón sobre todo para pór de manifesto a discriminación de non contarmos con cercanías” sinala Rego.
O deputado do BNG no Congreso non entende por que a estas alturas a Galiza sexa practicamente a única comunidade do Estado español que non ten este tipo de servizos en ningunha das áreas metropolitanas
A maiores, sabemos que nin sequera os trens de media distancia Avant van estar bonificados estamos ante unha clara discriminación co noso País. “Non ten ningún sentido esta exclusión, máxime cando non existe o servizo de cercanías e máxime cando o servizo de media distancia está nunha situación precaria” afirma. “Hai que recuperar as frecuencias, aumentalas, habería que adecuar os horarios e os prezos que en moitos casos son excesivos” enumera o deputado do BNG.
“Reclamamos ao Goberno de PSOE e UP que rectifiquen unha medida que é claramente discriminatoria co noso País e que teñan en conta a necesidade de facer os investimentos necesarios, tanto en infraestruturas como en servizos, para que Galiza poida ter un ferrocarril á altura das necesidades do século XXI” reivindica Rego.
Demandas das persoas usuarias
Pola súa banda, a representante da plataforma de usuarias do tren entende que a aplicación da bonificación de 100% é unha obriga para que non haxa ningún tipo de discriminación entre as persoas usuarias dos dous eixos da Galiza. “Tamén queremos a incorporación de novas frecuencias, a recuperación dos trens que había antes da COVID-19. Fiabilidade, puntualidade e maior flexibilidade nos abonos porque teñen caducidades moi curtas. Tamén prezos asumíbeis, non só estes catro meses” demanda Abad.
“Queremos que máis persoas se incorporen ao uso do ferrocarril cando, ademais, agora é un dos principios da sustentabilidade –xa máis aló da inflación e da alza dos prezos dos combustíbeis fósiles- é algo que precisamos para o futuro” destaca Reyes Abad.