BNG require aumentar os recursos para o Proxecto Nós dentro do PERTE Nova Economía da Lingua
Néstor Rego recrimina a escasa financiación que o Ministerio prevé destinar dentro do PERTE para a dixitalización das linguas ao galego e ao resto de linguas oficiais
“A cidadanía, as empresas e a economía da Galiza precisa de ferramentas tecnolóxicas que permitan o pleno desenvolvemento das persoas e aproveitar así as potencialidades da súa propia lingua” reivindica
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para que o Goberno do Estado asegure que se destinen recursos suficientes e á altura das oportunidades que presenta o Proxecto Nós dentro do PERTE Nova Economía da Lingua, para apostar decididamente polo desenvolvemento de novas tecnoloxías en galego, para asegurar o dereito dos galegos e galegas a vivir na súa lingua e para aproveitar as oportunidades de medre e de internacionalización que brinda.
A aparición da nova economía do coñecemento -asociada á facilitación de novas ferramentas do espazo dixital- converteu ás linguas nunha parte fundamental do desenvolvemento tecnolóxico, empresarial e económico, ademais de ser determinantes na inclusión e benestar social. Contornas de voz a través de tradutores automáticos, buscadores, asistentes persoais e moitas outras aplicacións, sitúan as linguas no centro da dixitalización e nun espazo chave para alongar a comunicación nas linguas que, como é o caso do galego, aínda transitan cara á súa normalización.
“No contexto económico actual de acceso a fondos europeos extraordinarios, o Goberno do Estado acaba de presentar o Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) cun orzamento total de 1.1M€” explica o deputado do BNG facendo fincapé que este tipo de programas ten como obxectivo “impulsar a cadea de valor da nova economía da lingua en español”.
No documento feito público, que aínda non é o definitivo, cítanse como obxectivos a mellora da vertebración territorial, alongando o impacto deste PERTE en todo o territorio do Estado e reforzando a comunicación entre os falantes de españois en Europa e en América. De maneira sutil, o PERTE tamén recolle o carácter plurilingüe do Estado e mencionando que “as demais linguas teñen un papel fundamental na produción cultural”. Pero esta breve referencia, faise de costas á existencia de proxectos que están póndose en funcionamento vinculados ao impulso das linguas propias na nova economía dixital da lingua, coo son o Proxecto Aina en catalán, o Proxecto Itzuli en euskera e o Proxecto Nós en galego.
“Mais do orzamento total anunciado só se prevé destinar 30 millóns a apoiar proxectos en linguas oficiais diferentes do español” denuncia o deputado do BNG no Congreso. Rego recrimina as declaracións da Ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital nas que afirmaba que o obxectivo é conseguir “unha Intelixencia Artificial (IA) que pense en español”. “Parece esquecerse que a cidadanía, as empresas e a economía da Galiza precisan tamén de ferramentas tecnolóxicas que permitan o pleno desenvolvemento das persoas e aproveiten as potencialidades da súa propia lingua, o galego, que tamén conta cun gran potencial de mercado internacional” reivindica Rego.
En opinión do deputado nacionalista, o Goberno do Estado debe realizar todas as xestións precisas para asegurar que se destinen recursos suficientes e á altura das oportunidades que presenta o Proxecto Nós dentro do PERTE Nova Economía da Lingua, así como do resto de proxectos iniciados no resto de linguas oficiais do Estado distintas do español.”
“Este PERTE é un proxecto que aínda está en fase de elaboración, e que pode mellorar e incluír, en pé de igualdade, as achegas das diferentes nacións do Estado. Estase a tempo de corrixir o escaso peso outorgado ao resto de linguas oficiais distintas do español e incorporar ao proxecto, en igualdade de condicións e de financiamento, as iniciativas que apostan polo desenvolvemento de ferramentas tecnolóxicas en galego, catalán ou euskera” conclúe Rego.