BNG require ao Estado a garantir os dereitos das persoas usuarias de banca
Rego traslada en Moaña as propostas da organización nacionalista para evitar o desmantelamento do servizo bancario na Galiza e, sobre todo, no rural co fechamento de oficinas
Dolo Chapela reivindica o dereito fundamental das persoas usuarias a ser atendidas e destaca as numerosas iniciativas do BNG para pór freo a esta situación
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a concelleira en Moaña, Dolo Chapela, participan nun encontro coa veciñanza moañesa para falar dos dereitos das persoas usuarias da banca e as diversas iniciativas rexistradas polo BNG para que o Goberno do Estado actúe ante o desmantelamento deste servizo que a organización nacionalista entende como un dereito básico. Reclaman pór freo ao proceso de concentración bancaria e lexislar para garantir ás persoas usuarias a liberdade de elección na prestación do servizo, así como estabelecer unha normativa que evite a escalada de abusos bancarios en materia de restrición de servizos, pacto de horarios e servizos de caixa.
Por unha banda, a concelleira do BNG en Moaña e asesora de consumo, explica o actual contexto do sistema bancario. “Hai un incremento de taxas, elimináronse sucursais bancarias, estabelecéronse horarios para o cobro de facturas ou conceder determinados servizos” enumera a concelleira que tamén denunciou o maltrato as persoas maiores co que supón a fenda dixital. Así mesmo, cabe destacar que “o cobro de comisións abusivas é insostíbel, máis despois do roubo das preferentes e o rescate do Goberno aos bancos na pasada crise económica”.
“Os servizos que están a prestar as entidades bancarias cada vez son menores e temos que padecer en maior medida situacións abusivas mentres os gobernos da Xunta e do Estado non fan absolutamente nada para remedialo” recrimina Chapela. Neste sentido, a concelleira do BNG destaca o traballo no Congreso realizado polo deputado da organización nacionalista en defensa dos intereses dos galegos e galegas co rexistro de iniciativas para reclamar a intervención do Goberno do Estado ante o desmantelamento e fechamento das oficinas bancarias en numerosas localidades do rural galego.
“O BNG defende garantir plenamente os dereitos das persoas e usuarias da banca, por iso reclamamos ao Goberno do Estado en diversas ocasións que desenvolva os cambios oportunos na regulación do sector bancario para poñer freo ao proceso de concentración bancaria, ao incumprimento das normas de competencia e ao agravamento da exclusión financeira, evitando os peches de oficinas, especialmente os que se producen en sucursais do medio rural” destaca o deputado nacionalista durante o encontro.
Así mesmo, demanda estabelecer unha normativa que evite a escalada de abusos bancarios en materia de restrición de servizos, pacto de horarios para limitar os servizos de caixa, incremento de comisións e reducións de persoal. “O executivo debe garantir ás persoas usuarias a liberdade de elección na prestación de servizos, co establecemento dun mínimo legal de atención presencial que evite a exclusión financeira dos colectivos máis vulnerables ou con máis dificultades de acceso as novas tecnoloxías” reivindica Rego.
“Debe recordarse que despois da crise financeira iniciada en 2008 non se adoptaron medidas que permitiran reforzar a intervención e o control público para evitar futuras burbullas, todo o contrario, procedeuse á privatización das Caixas, que na Galiza eran fundamentais, e supuxo tamén a perda dos fondos públicos empregados para o rescate bancario. A reestruturación iniciada naquel momento permitiu avanzar nun proceso de concentración que é o que agora está favorecendo a destrución e precarización do emprego, ademais do empeoramento das condicións de servizo, impoñendo comisións abusivas e fomentando unha política comercial abusiva de colocación de produtos” subliña o deputado nacionalista.
Banca pública para dinamizar a economía da Galiza
Rego lembra a aposta do BNG polo impulso a unha banca pública galega e de novas fórmulas de participación pública para que o aforro galego poida reverter en crédito e investimento no propio país. “Moitos dos actuais problemas relacionados cos abusos nos servizos bancarios poderían remediarse e paliarse se existira unha banca pública que primara o interese público frente e non a maximización das ganancias para as entidades bancarias” incide Rego.
Porén, aínda que non renunciamos a ese obxectivo, tamén propuxemos outras alternativas a nivel estatal, como a de realizar as reformas necesarias que para converter o ICO nun instrumento de dinamización económica que permita financiar proxectos e conceder créditos para entidades públicas, persoas emprendedoras, pequenas e medianas empresas ou o I+D+i. “Só faría falta mudar os obxectivos da entidade e dimensionar a estrutura existente do ICO, estendéndoa territorialmente e dotándoa de medios humanos” salienta o deputado do BNG. “Defendemos esta alternativa porque entendemos que pode ser un instrumento complementario á creación da Banca Pública Galega e unha maneira áxil de dinamizar a economía produtiva do País” conclúe.