BNG reprocha á Xunta a súa “pasividade” ante o continúo “enlodamento” do río de Monforte
Carme Aira criticou a falta de coordinación entre Medio Ambiente e Medio Rural para resolver un problema que se repite, ano tras ano e que afecta á poboación, a biodiversidade e a actividade económica de Monforte
Afea que acuda ao parlamento a Directora xeral de patrimonio natural para responder e culpabilice do “enlodamento” do río de Monforte ao concello e Confederación hidrográfica Miño-Sil
A deputada do BNG, Carme Aira reprochou á Xunta o seu “desleixo e pasividade” para resolver as graves consecuencias do continúo “enlodamento” do río de Monforte e criticou que para responder á pregunta do BNG sobre as medidas previstas e a necesidade dun plan de protección, acuda ao Parlamento galego a Directora de Patrimonio Natural, Belén do Campo.
A xuízo da parlamentaria, non existe “ningunha coordinación” entre a Consellería de Medio Ambiente e Medio Rural e a titular de patrimonio só respondeu botando “balóns fóra” ao culpabilizar do enlodamento do Cabe ao concello de Monforte e á Confederación Hidrográfica Miño- Sil.
A nacionalista insistiu na obriga de Medio Rural de implantar medidas contra un “enlodamento” que se produce de maneira habitual ao longo dos anos. Aira explicou que na última década, as diferentes obras nas vías e no corredor provocaron enlodamentos que afectaron a distintas traídas de augas e a vida do propio río ao que sumou a incidencia dos incendios. Mentres todo iso se producía, puidemos constar, afirmou, “a pasividade” das distintas consellerías para xestionar as causas e consecuencias que afectan ao río Cabe.
A estas alturas, recalcou a deputada do BNG, podemos confirmar que a afectación do arrastre de cinsas cara o río directamente ou a través dos seus afluentes causa “asfixia e mortalidade de peixes e prantas acuáticas”, debido ao seu carácter alcalino que modifica o PH da auga e prexudica á biodiversidade do seu hábitat.
Por outra banda, engadiu que o río abastece a vila de Monforte de auga para consumo, e o enlodamento incrementa o esforzo e o custe da potabilización das súas augas, pero debido á súa potabilizadora aínda se logra auga de calidade a costa de horas de traballo e de avarias pola introducción de areas nos seus mecanismos, pero outros concellos ou parroquias que non contan con eses medios deben pasar sen auga da traída por non lograr baixar a turbidez.
En opinión da nacionalista, “as técnicas empregadas pola consellería de medio rural para a restauración dos montes tralos sucesivos incendios teñen unha dubidosa intensidade e efectividade”, sobre todo, cando a pendente é moi pronunciada. Sabemos que técnicos da Consellería de Medio ambiente recompilaron datos e nos preguntamos porqué Medio Rural non se interesou polo que está acontecendo no Cabe cando ten competencias na materia.
“É preocupante” que ante situacións que se repiten ciclicamente, “a reacción das concellerías de Medio ambiente Medio rural, xunto ao concello de Monforte, manteñan unha posición de “de absoluta pasividade”.
Carme Aira lamentou que a reposta da directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo non se traducira nun compromiso real e medidas urxentes para frear “o enlodamento” do río Cabe. “Precisamos que actúen e deixen de culpabilizar a outras administracións”, dende o BNG seguiremos denunciando , no Parlamento galego e no Congreso dos deputados , as graves consecuencias do enlodamento do río de Monforte co fin de acadar unha solución definitiva.