BNG reprocha á Xunta que non teña ‘plan B’ para recuperar a produción marisqueira diante da “desesperación” do sector
A deputada Rosana Pérez reclama un plan para o saneamento e recuperación das rías e a posta en marcha dunha estratexia baseada en estudos científicos
Acusa ao PP de levar catorce anos no Goberno sen ter en conta as advertencias que fai o sector e sen tomar medidas de calado para reconducir a situación
A deputada do BNG Rosana Pérez defendeu este martes na Comisión de Pesca unha iniciativa para que, dende a Xunta, se presente un plan para o saneamento, a rexeneración e a recuperación integral das rías galegas, establecendo as medidas, os prazos e os recursos económicos necesarios para elo. Na mesma proposta, reclamou un plan estratéxico de estudo e recuperación do marisqueo, a levar a cabo en estreita colaboración co sector e cos centros de investigación e universidades do País.
Dúas propostas para atallar un problema que, aínda que estes días está de máxima actualidade pola falta de produción nas rías galegas e a alta mortaldade de bivalbos rexistrada, vén de vello, pois o sector leva alertando da situación dende hai anos mentres a Xunta do PP “leva 14 anos poñendo parches puntuais que non solucionan nada” . “A Consellería do Mar nega unha realidade de hai moitos anos e que foi a peor pola súa inoperatividade; non está levando a cabo medidas de calado para, cando menos, frear a tendencia e comezar a recuperar a produtividade das rías”, asegurou.
É por iso que emprazou á Consellería a realizar estudos científicos que certifiquen as causas da alta mortaldade dos bivalvos e a menor produción das rías e que permita, en función da diagnose, tomar as medidas necesarias. Estudos que, dixo, avalen os efectos do cambio climático ou da choiva na perda de salinidade das augas, pero que aborde tamén as consecuencias que poden causar, por exemplo, o “baleirado incontrolado” de algún encoros.
Rosana Pérez lamentou o voto en contra do PP á iniciativa do BNG e acusou ao Goberno do PP de non ter un “plan B” mentres o sector vive con “auténtica desesperación” o que está acontecendo. Censurou, neste sentido, a falta dunha política planificada e lembrou que o saneamento integral das rías que a Xunta prometeu para 2013 aínda está sen finalizar.
A mortaldade do marisco, a falta de subministro de semente, a escaseza de capturas, o peque de bancos de libre marisqueo, a caída de ingresos e a perda de postos de traballo, así como a formación e a remuda xeracional deberían formar parte, explicou, do plan estratéxico que o sector precisa.
Na súa iniciativa, a deputada advirte de que a situación é “verdadeiramente preocupante” tanto para o sector da pesca e o marisqueo como para a economía galega. Segundo a análise feita polo Instituto Galego de Estatística, apunta, o número de postos de traballo neste sector diminuíu un 43 % en vinte anos, e entre os anos 2005 e 2020 a cifra de buques pesqueiros con porto base na comunidade autónoma de Galiza reduciuse un 20 % (de 5.391 a 4.318).
O mesmo estudo advirte, entre outras cuestións, de que o valor engadido na pesca extractiva e marisqueo amosa unha caída sistemática dende o ano 2018, e o número de permisos de marisqueo a pé acortouse un 27 % en quince anos. Ademais, expón Rosana Pérez, a caída a produción marisqueira galega tamén ten reflexo na súa capacidade de abastecer a demanda do Estado español, onde cada vez teñen máis peso as importacións de ameixa e berberecho de Francia, Italia ou Portugal.