parlamento galego

BNG reproba o desprezo do Goberno do PP polos acordos sobre marisqueo e reclama a modificación das ordes de axudas ao sector

Rosana Pérez
A responsable de Mar do BNG, Rosana Pérez, acusa o PP de convocar axudas moi restrinxidas, con partidas orzamentarias escasas e condicións imposibles de cumprir

A deputada encargada da área do Mar,  Rosana Pérez, reprobou este martes na comisión 8ª o desprezo e desleixo do Goberno do PP polos acordos acadados por unanimidade no Parlamento sobre marisqueo e reclamou a modificación das ordes de axudas ao sector, cando se cumpren xa dez meses do comezo dunha campaña “nefasta”, tanto para os recursos e para as confrarías, pero sobre todos, para as propias traballadoras e traballadores do sector.

A deputada nacionalista denunciou que, ao non cumprir os acordos, “o Goberno do PP convocou ordes de axuda para o marisqueo “absolutamente restrinxidas”, con escasas partidas orzamentarias e con condicións imposibles de cumprir, e cunhas diferencias manifestas entre as destinadas ao marisqueo de a frote e as do marisqueo a pé”.

Fernández acusa o Executivo de Alfonso Rueda de convocar as axudas “tarde, mal e arrastro” e, polo tanto, de non poder resolverse antes de mediados de outubro no caso das axudas ao marisqueo de a frote, e a mediados de xaneiro de 2025 no caso do marisqueo de a pé.

Estes feitos amosan de novo para a deputada “non só o desprezo da Xunta de Galiza aos acordos unánimes do Parlamento galego senón tamén o seu reincidente desleixo e desinterese” por un sector que aínda emprega a preto de 7.000 persoas no noso País.

“Nós non culpamos á Xunta de Galiza de que chovese. Culpamos á Xunta de que non fixesen absolutamente nada” recriminou, para suxerirlle ao PP que “en lugar de cruzarse de brazos e botarlle a culpa ao Goberno do Estado porque non lle concede a zona catastrófica, por que se moveron e por que non pelexaron diante desta situación extraordinaria para modificar os criterios do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (Fempa)?”, preguntou, como se fixo noutras ocasións dentro de situacións extraordinarias.

É por iso que, na iniciativa, o BNG pide dar cumprimento aos acordos tomados na comisión 8ª do pasado 7 de maio e na sesión plenaria do 28 do mesmo mes, o que significa elaborar e poñer en marcha de xeito urxente e extraordinario un plan de cobertura económica e social para as traballadoras e traballadores do mar afectados pola sucesión de condicións climatolóxicas adversas que se produciron dende o mes de outubro de 2023 e que contemple, entre outras medidas, a convocatoria de axudas directas dende o mes de outubro e ata que se recupere a actividade con normalidade.

Na proposición non de lei tamén se reclamaba modificar as ordes da convocatoria de axudas por paralización temporal da actividade do marisqueo a frote (do 8 de maio de 2024) e a pé (do 6 de agosto de 2024) e, en consecuencia, dar cumprimento ao acordado tamén na sesión da Comisión de Pesca do 7 de maio relativo á exixencia de notas de venda para a verificación dos 120 días de actividade extractiva, de xeito que estes 120 días de actividade extractiva “non teñan que ser verificados necesariamente coas notas de venda realizadas” nas lonxas ou centros de venda autorizados, co obxectivo primordial de evitar os posíbeis prexuízos que puideran ter lugar, advertiu, un criterio, o da verificación coas notas de venda realizadas,  que engadiu a Xunta do PP, apuntou.

O BNG considera fundamental ademais a ampliación dos bancos marisqueiros aos que van dirixidas as ordes da convocatoria de axudas por paralización temporal da actividade do marisqueo, o importe máximo do crédito orzamentario e a contía establecida para as axudas, co obxecto de achegalas ao maior número de persoas afectadas”. 

Ata o de agora,  lamenta, “as axudas para o marisqueo a frote como paro o marisqueo a pé só van dirixidas a traballadoras e traballadores dun número moi concreto de bancos marisqueiros e os requisitos para a súa solicitude gardan importantes diferenzas entre elas sen ningún tipo de xustificación”.

A primeira diferenza ten que ver cos créditos orzamentarios dedicados a cada unha delas. No marisqueo a frote adxudícase un máximo de 7,2millóns de euros (que se reparten en 5,2 millóns de euros para as persoas armadoras e 2 millóns para as persoas tripulantes), mentres que no marisqueo a pé, o importe máximo das axudas será de 1,25 millóns de euros, “sen ningún tipo de xustificación e que nos parece discriminatoria”, asegurou.

A segunda fai referencia ao o requisito da alta no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores e traballadoras do mar . No caso do marisqueo a frote esíxese a alta no momento de sobrevir a paralización temporal  e no de a pé, “no momento da solicitude”, aínda tendo en conta que “moitas traballadoras do marisqueo a pé tiveron que buscar outro traballo, porque non resistían máis”,  co cal non poden acceder ás axudas por non estar dadas de alta no momento de solicitalas.

En canto ás contías das axudas, no caso do marisqueo a frote, márcase unha cantidade por día hábil de parada que, para as persoas armadoras é dun mínimo de 134 euros por día, mentres para as persoas tripulantes é dun máximo de 50. Ademais, establécense claramente 62 días hábiles de parada tanto para armadores como para tripulantes. No caso do marisqueo a pé, percibirán por día 81,9 euros.

Na iniciativa, advírtese que, dos once plans de xestión afectados, só dous acadan os 62 días de parada que si se subvencionan no caso do marisqueo a frote. Os nove restantes, debido ao inxusto baremo que emprega a Consellaría de Mar, están moi por debaixo, destacando o caso de Cariño e o de Arcade con 4 e 14 días respectivamente de parada subvencionábeis.

Ademais, o BNG esixe a modificación do baremo empregado para establecer o cálculo das axudas para o marisqueo a pé, de xeito que os días de parada subvencionábel resulten realmente os que non se puido levar a cabo a actividade extractiva.

O PP votou en contra da iniciativa.