BNG reproba a “deriva autoritaria” do PP nun primeiro ano parlamentario no que “dixo non” a mellorar a vida das galegas e dos galegos

Olalla Rodil

Olalla Rodil alega que o 80% das iniciativas parlamentarias aprobadas en pleno parlamentario son dos populares, que rexeitaron o 90% das do BNG

“Vetaron blindar os servizos públicos, crear unha rede pública de coidados forte ou defender os sectores produtivos; son os do non a Galiza”, resume

Acusa ao PP de “deturpar” a comisión de investigación para impedir a investigación dos seus chanchullos na contratación pública da Xunta

“Impediron a comparecencia de Feijóo, máximo responsable no período investigado e nexo de unión entre familiares e amigos do PP que se beneficiaron dunha fórmula de contratación moi opaca”, denuncia

O BNG fixo balance do período de sesións parlamentario que vén de rematar e que resumiu como o “da deriva autoritaria” dun PP que “dixo non” a todo o que supoña “un avance para Galiza” e para mellorar “as condicións de vida dos galegos e das galegas”.

Así o sintetizou a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, quen recordou que das 71 iniciativas en forma de proposición non de lei ou de moción que foron debatidas nos oito plenos deste último período de sesións, só se aprobaron 20, das que 16 eran do PP. “É dicir, o 80% das iniciativas que se aproban en Pleno son impulsadas polo Partido Popular porque o PP só vota a favor do seu, só acepta o seu”, resumiu.

Rodil criticou que a forza maioritaria “nin negocia, nin fala, nin por suposto apoia” as iniciativas presentadas polo resto de forzas políticas, nomeadamente as do BNG, que lidera a oposición con 25 escanos e que presentou neste período de sesións 30 iniciativas das que o PP só votou a favor dúas. Dito doutra maneira, os populares rexeitaron máis do 90% das propostas nacionalistas.

“Se dende o BNG tivésemos que resumir nunha liña o que caracterizou este ano parlamentario sería a deriva autoritaria do Partido Popular”, resumiu a viceportavoz parlamentaria, quen denunciou a súa “soberbia” e a súa “concepción absolutista” da maioría parlamentaria.

Rodil exemplificou esta actitude “intransixente e case absolutista” do PP na súa negativa a ampliar a rede de escolas infantís, a recuperar a gratuidade dos libros de texto, a dotar os centros educativos de máis persoal docente, especialmente para atender ao alumnado con necesidades educativas especiais, ou a a incrementar até os 20 euros a hora que se paga no SAF para as persoas dependentes, pese ao “SOS” lanzado dende os concellos ante o risco de quebra dun sistema que atende a máis de 25.000 persoas e que precisa con urxencia unha maior dotación orzamentaria.

Así mesmo, recordou que o PP tamén rexeitou dotar de psicólogas e psicólogos clínicos os centro de saúde ou actualizar conforme ao IPC as axudas ás vítimas de violencia machista. “En definitiva, o PP dixo non a blindar e mellorar os servizos públicos, a crear unha rede pública forte de coidados ou a defender os sectores produtivos galegos fronte á rapiña das multinacionais como Altri, demostrando que son os do ‘non’”, recriminou.

“O Partido Popular é o do non a todo o que supoña un avance para Galiza e para as condicións de vida das galegas e dos galegos”, sintetizou, para lembrar como o PP pasou “o rodillo” na aprobación dos Orzamentos 2025, votando en contra das 516 emendas parciais presentadas polo Bloque.

Exercicio absolutista tamén na comisión de investigación

Un “exercicio absolutista da maioría” que caracterizou tamén a comisión de investigación sobre os chanchullos do PP na contratación pública, impulsada dende o BNG facendo valer a forza que lle deu a cidadanía ao situalo como primeira forza da oposición.

“Impuxeron o seu plan de traballo, non negociaron, non admitiron ningún tipo de diálogo para non incluír, para poder vetar as comparecencias e as solicitudes de documentación que solicitamos dende o Bloque Nacionalista Galego e tamén desde outros grupos da oposición”, denunciou a viceportavoz parlamentaria, quen recriminou ao PP que impedira a comparecencia de Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta nos anos obxecto de estudo da comisión.

“Aquí ao PP parecíalle máis importante que comparecese Salvador Illa, que foi ministro uns anos, pero non podía baixo ningunha circunstancia comparecer o máximo responsable do Goberno galego entre 2009 e 2022”, reprochou, para advertir ademais que Feijóo é “o nexo de unión entre familiares e amigos do Partido Popular que se beneficiaron dunha fórmula de contratación moi opaca”.

Neste sentido, recordou os máis de 1.500 contratos a dedo por importe de máis de sete millóns de euros adxudicados á empresa que dirixe a irmán de Feijóo en Galiza, dos que se ten coñecemento até o de agora porque, lembrou, o PP impediu que se achegasen ao Parlamento, como solicitou o BNG, os contratos menores asinados pola Xunta entre 2009 e 2018.

“Fixeron todo o posible e máis, mesmo saltándose e retorcendo ata a saciedade o regulamento, para impedir que puxésemos luz onde o Partido Popular só quere sombra”, afirmou sobre unha comisión da que tamén dixo que “acabou como empezou”, co PP “presentando unhas conclusións que tiña feitas desde o principio”, o que explica que impuxera o seu plan de traballo para que, recalcou, “ningunha comparecencia ou solicitude de documentación puidese estragarlle o titular”.

En todo caso, a viceportavoz parlamentaria recordou que o BNG ten todos os pasos dados, incluído un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional, para que o PP “non poida pechar en falso” a comisión, que considerou fundamental para que os galegos e as galegas saiban “que é o que está facendo o PP cos seus cartos”.

Con todo, “e por moito rodillo que pasen”, Rodil avanzou que o Bloque vai seguir -como xa fixo neste último período de sesións, no que impulsou máis de 4.000 iniciativas- facendo “unha oposición seria e rigorosa”, abordando os problemas reais da sociedade galega e poñendo sempre a carón de cada crica e de cada problema unha alternativa. “Porque hai unha alternativa para poder mellorar a vida das galegas e dos galegos”, concluíu.