BNG reprende á Xunta que anuncie para maio as axudas 2022 para o comercio que tiñan que estar convocadas en decembro
BNG reprendeu no Parlamento galego o anuncio para maio da convocatoria das axudas da Xunta deste ano para o sector do comercio, cando tiñan que estar publicadas en decembro pasado, e censurou a falta de planificación e a improvisación permanente do Goberno do PP neste ámbito de actuación.
Na defensa dunha proposición non de lei na que o Bloque esixiu a convocatoria inmediata das subvencións ás asociacións de comercio sen fin de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos para o presente exercicio e a axilización da súa resolución, a portavoz nacionalista de Comercio, Carmela González, reprobou o prazo avanzado polo grupo parlamentario do PP. “Falar de planificación cando acaban de anunciar que as axudas van saír en maio é, cando menos, unha tomadura de pelo ao sector”, reprochou.
González recriminou deste xeito ao Executivo galego a falta de planificación e a improvisación permanente da Dirección Xeral de Comercio, que convoca habitualmente entre marzo e abril tanto as subvencións para centros comerciais abertos e prazas de abastos como as destinadas á revitalización do comercio de proximidade a través do ticket de dinamización comercial e as resolve entre setembro e outubro, cando as actuacións subvencionadas se desenvolven entre xaneiro e outubro. “No ano 2021 a situación foi tan grave que ás e aos comerciantes foilles comunicada a subvención concedida unha vez rematado o prazo para realizar as actividades”, reprobou.
Polo tanto e segundo recalcou, estamos ante “unhas axudas que van destinadas á dinamización do tecido comercial ao longo do ano pero que se resolven ao remate do mesmo impedindo realizar as actividades ás que van destinadas durante 10 meses”. De igual xeito, advertiu que algunhas entidades levan a cabo as actividades arriscándose a no obter as axudas xa que non coñecen a resolución das mesmas: “é dicir, poden desenvolver unha actividade e serlle concedida a subvención para outra ou directamente serlle denegada”, explicou.
Así mesmo, recordou que algunhas asociacións e federacións tiveron que pedir un préstamo a unha entidade bancaria para poder levar a cabo as accións para as que pediran as axudas porque non dispoñían do diñeiro necesario. “E outras, aínda querendo arriscarse, non puideron desenvolver a actividade na que non tiñan os recursos necesarios porque mesmo se quixeran pedir unha póliza a unha entidade financeira, non podían porque non tiñan a resolución da subvención”, afondou.
A isto engadiu que, unha vez resoltas as axudas, hai asociacións e federacións ás que se lles denegou a subvención para a actividade que solicitaban e xa fixeron o gasto e outras que non puideron, dados os prazos nos que se move a dirección xeral, xustificar dito gasto e agora teñen que devolver os fondos percibidos.
“En definitiva, un desastre; nin facéndoo á mantenta se pode facer peor”, resumiu con severidade logo de reprobar a redución á metade do orzamento da Xunta destinado ao sector durante o goberno de Núñez Feixóo e a falta de medidas específicas ante a crise derivada da inflación que está padecendo o comercio galego. “Cales son as actuacións que vai desenvolver para axudar ás e aos comerciantes? Cero”, concluíu.