O BNG rende homenaxe a Castelao e apela a “ilusión e esperanza” do histórico nacionalista
Ana Pontón recrimina a Feijóo que conduza a Galiza á “irrelevancia política” e a súa submisión a Mariano Rajoy para facer carreira
Reclama políticas efectivas contra a violencia de xénero e fuxir do sensacionalismo mediático e social das vítimas de violencia machista
O BNG rendeu hoxe unha homenaxe a Castelao en Rianxo para lembrar o seu legado político e conmemorar o 68 anos do seu pasamento en Bos Aires o 7 de xaneiro de 1950.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón apelou a “ilusión e esperanza” do histórico nacionalista para recoñecer a Galiza como nación sobre todo , dixo, ante o reto que se nos presenta co cambio institucional. Neste debate, recalcou, Pontón, Galiza non pode quedar no vagón de cola, debe ser protagonista. E se hai alguén que leva anos tirando pedras contra o teito de Galiza é o Goberno da xunta con Feijóo á cabeza. Feijóo dende o minuto un puxo en marcha unha estratexia que conduce á “irrelevancia política” ao noso país e mantén unha postura “submisa” ante Maríano Rajoy porque o Presidente da Xunta quere seguir facendo carreira política.
“Hoxe non temos goberno”, temos “unha delegación do goberno central en Galiza e un Presidente irrelevante, “o máis irrelevantes de todos os irrelevantes”. Nestes anos non fallou o país, non fallou a xente, fallou o marco e fallaron os nosos gobernantes.
Neste sentido criticou os recortes das políticas do Partido popular en Sanidade e Educación, o veto da transferencia da AP-9, os retrasos no Ave, unha luz en Galiza máis cara que en España, a gasolina máis cara e a suba de peaxes na autoestrada, estas, dixo, son as consecuencias da “irrelevancia política” á que nos está conducindo Feijóo.
O PP pode empeñarse en pregoar a fin da crise pero a realidade é ben diferente: Miles de persoas están en paro, a maioría mulleres, medra a desigualdade e naceu unha nova modalidade social: traballadores pobres. Miles de mozas e mozos vénse forzados a emigrar, as pensións cada vez teñen menos poder adquisitivo e en Galiza persiste un grave problema demográfico.
Para a dirixente do BNG, todas estas cuestións deben ser abordadas coa estratexia que denominou das 3 ies, “identidade, innovación e ilusión” co fin construír unha Galiza que supere o marco “autoanémico”, insuficiente e esgotado, apostar pola modernización asentada no coñecemento e na ciencia e recuperar a ilusión para romper coa “dependencia e o centralismo”.
Ante a nova cita electoral de comicios locais, a nacionalista afirmou que o “BNG está unido e forte” e conta cun proxecto sólido que defende os intereses de todos os galegos e galegas. “ Temos un ano e seis meses para preparar esa cita. Os gobernos do BNG demostran que temos solucións aos problemas de mobilidade nas cidades, que é posible abaratar o recibo da luz, coidar o noso patrimonio, crear emprego, apostar polo pequeno comercio. No BNG estamos estamos orgullosas da a nosa lingua e da nosa cultura e sobre todo, estamos convencidas e convencidos de que é posible poñer “fin ao caciquismo con gobernos democráticos e transparentes”.
Homenaxe a Castelao
Na homenaxe a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Ana Pontón manifestou que detrás da súa figura “emerxe toda a dignidade do pobo galego”, e aínda nos nosos días, remarcou, segue sendo “unha figura incómoda” que tenten ocultar e manipular porque saben que Castelao segue “axitando conciencias e espertando vontades”.
Todos os galegos e galegas temos unha débeda con Castelao e a súa xeración, eles e elas, conformaron o nacionalismo galego e sobre todo unha idea fundamental, “precisamos organizacións sen dependencias de Madrid”.
Na súa intervención, a nacionalista tamén lembrou o centenario da Iª Asemblea Nacionalista de Lugo da que leu parte da súa declaración final: “Son chegadol-os tempos d´erguere a y-alma e o pensamento de Galicia, e sobor todo a súa soberanía, compreta e sin cativeces. N-isto non caben discusións: Galicia ten direito,un direito fundamental, a ser dona ausoluta de si mesma. Con vountade ceibe faremos nupcias d´amore con outras soberanías, contr´as que non vai nin quér ire a soberanía nosa”.
E igual que fixeron Castelao e a súa xeración, temos que estar alerta e levantar a bandeira de Galiza. Nós, como republicanas galegas sabemos que a nosa bandeira tricolor é “blanca, e azul cunha estrela vermella. Esta é a nosa bandeira!” e nosa bandeira non é para axeonllarse e xurala! A nosa bandeira é para reivindicar a nosa patria natural, a democracia e a liberdade!
A dereita española, na súa versión azul ou laranxa, explicou, defende un estado artificial para seguir engordando os beneficios das grandes empresas do IBEX35 e manter o entramado corrupto que se esconde detrás do réxime do 78. “Unha corrupción que vai desde a Casa Real, até os partidos do réxime, unha corrupción que está tanto na xustiza como no poder político”.
Unha corrupción que non só está na caixa B do PP, tamén hai corrupción na factura da luz que dá beneficios multimillonarios as eléctricas, mentres xente pasa frío nun país no que producimos electricidade a esgalla pero tamén é corrupción regalar as nosas caixas de aforro a un empresario venezolano, mentres deixaron a miles de persoas estafadas pola banca.
Finalmente, a portavoz nacional do BNG aludiu ao proceso en Catalunya e cualificou de “escándalo” que persoas permanezan na cadea por defender ideas mentres, “Urdangarín, Rato ou M. Rajoy segue sen pasar un día da cadea a pesar de que está demostrado que roubaron diñeiro público ou cobraron da caixa B”. Pontón enviou a solidariedade do BNG aos Jordis, a Forn e a Oriol Junqueras presos por defender ideas por vías pacíficas e democráticas.
Pontón concluíu aludindo a grande conmoción que produciu o asasinato de Diana Quer na parroquia de Asados en Rianxo e lembrou que desde 2004 son máis de 800 as mulleres asasinadas no estado español e cada ano máis de 5.000 galegas poñen denuncias nos xulgados. Estes datos son soamente a punta do iceberg . Sabemos que a fin da violencia machista non vai vir polo Código Penal, senón que a resposta está na educación e advertiu que as mulleres perdémolo medo e non imos deixar de camiñar soas polas rúas, nin de noite nin de día.
Pontón reclamou políticas eficaces contra a violencia de xénero e fuxir do sensacionalismo mediático e social das vítimas de violencia machista.
A portavoz nacional parabenizou o traballo político da membro da dirección de Galiza Nova, Elvira Blanco e lembrou os cambios introducidos no concello de Rianxo grazas ás medias implantadas polo alcalde nacionalista, Adolfo Muíños do que dixo é “o mellor alcalde dos últimos 40 anos neste concello”.
A homenaxe do BNG a Castelao finalizou cunha ofrenda floral ante o busto do histórico nacionalista no paseo da Ribeira de Rianxo