BNG reivindicará este sábado a vixencia do legado de Castelao nun acto de homenaxe en Rianxo
O BNG celebrará este sábado, 15 de xaneiro, en Rianxo a homenaxe nacional a Castelao, nun acto no que participarán a portavoz nacional, Ana Pontón, o alcalde da localidade, Adolfo Muíños, e a responsable local do BNG, Mercedes Pimentel.
Así pois, e como cada ano, o Bloque celebra esta homenaxe con motivo do pasamento do ilustre nacionalista arredor do 7 de xaneiro, cando Castelao finou en 1950 no exilio en Bos Aires, cun acto público no que lembra a vixencia do seu pensamento e da súa obra, “sempre semente frutífera para o conxunto do nacionalismo galego e un guieiro para o BNG, polo que supuxo de entrega á defensa da nación e que Castelao mantivo ata a fin dos seus días, mesmo tendo que sufrir o exilio e a persecución por parte do fascismo español”, asegurou Lucía López Sobrado, da Área Nacional de Organización do BNG, nunha rolda de prensa en Rianxo na que tamén participaron o seu rexedor, Adolfo Muíños, e o responsable comarcal no Barbanza, Luís Pérez Barral.
Logo de convidar á participación na homenaxe nacional -que terá lugar o sábado, ás 12h, no Paseo da Ribeira, diante do busto do ilustre nacionalista-, López Sobrado subliñou que Castelao e o seu pensamento seguen vixentes na Galiza de 2022, “na que a defensa do pobo e das súas clases populares, a defensa da lingua e a cultura, a defensa dunha Galiza dona de si, próspera e xusta, é máis necesaria que nunca”. “Esta é a Galiza pola que traballamos no BNG e pensamos que a mellor maneira de honrarmos a Castelao é manter vivo o seu pensamento e o seu legado”, engadiu.
Pola súa parte, Muíños subliñou que “Castelao é o pai da patria, o construtor da nación como o define unha recente biografía súa, e a súa vixencia é evidente”. “Rianxo é onde pasou unha parte moi importante da súa vida, un lugar de presencia constante na súa produción artística e, nese senso, esta homenaxe con motivo do aniversario do seu pasamento é unha cita obrigada para este concello no que a pegada de Castelao permanece ao longo do tempo nas rúas, nas edificacións, nas lembranzas familiares e persoais”, destacou o alcalde de Rianxo, quen tamén recalcou a “plena vixencia” do pensamento do ilustre nacionalista.