BNG reivindica a necesidade de implantar o servizo de cercanías ferroviarias na Coruña

Néstor Rego na Coruña

Rego destacou que “é incomprensíbel que, existindo as infraestruturas necesarias para prestar o servizo de cercanías na Coruña, non haxa vontade política por parte do Goberno do Estado para implantalo”.

Rego tamén salientou que, despois das denuncias sobre a discriminación e exclusión nas axudas ao transporte ferroviario na Galiza trasladadas polo BNG, a Ministra de Transportes comprometeuse a estudar a inclusión do AVANT dentro das bonificacións do 100%.   

Queixas culpa tamén desta situación a Feijóo e Rueda por aplicar unha “política de submisión e exclusión que responde ao proxecto de pasado que representa o Partido Popular na Galiza”. Jorquera explica que o servizo de cercanías favorecería a mobilidade da comarca e repercutiría de maneira positiva no desenvolvemento económico da Coruña

 

O Bloque Nacionalista convocou un acto público  diante da estación de ferrocarril da Coruña para reclamar a implantación dun servizo de cercanías ferroviarias que conecte a área metropolitana e contribúa a mellorar a mobilidade e o desenvolvemento económico da cidade, coincidindo coa entrada en vigor das bonificacións do 100% para os servizos de proximidade dos que Galiza ficou excluída. No acto participaron o voceiro municipal da organización na Coruña, Francisco Jorquera, a deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Mercedes Queixas, e o deputado no Congreso, Néstor Rego, que coincidiron en sinalar a inacción da Xunta de Galiza e a discriminación do Goberno do Estado para con Galiza.

Antes de dar comezo o acto público, as persoas militantes e simpatizantes presentes aproveitaron para realizar un reparto de dípticos reclamando a mellora dos servizos de transporte ferroviario e despregaron unha faixa na que demandaban a actuación das administracións públicas ante a discriminación que está a sufrir a cidadanía da área metropolitana da Coruña, así como a do resto da Galiza, por non termos acceso a transporte ferroviario de proximidade e non incluírse as liñas do AVANT, as máis utilizadas, nas bonificacións do 100% ofertadas.

Néstor Rego na Coruña

“Hoxe é o día en que entran en vigor os descontos dos que se beneficiarán as persoas usuarias dos servizos por camiños de ferro de cercanías e media distancia. Mais os habitantes da comarca da Coruña non nos podemos beneficias dos descontos no servizo de proximidade, simplemente porque non temos” comeza o voceiro municipal do BNG. Jorquera indica que implantar estes servizos de proximidade axudaría a resolver os problemas de mobilidade da comarca, así como favorecer o desenvolvemento económico.

“Basta dicir que a liña entre Betanzos e A Coruña fai posíbel a conexión desde Betanzos, Guísamo, Cecebre, Cambre, A Barcala, O Burgo, Acea de Ama e Fonteculler. Para desde As Xubias, conectar co centro da cidade a través do tendido ferroviario do porto ou co Campus Elviña e os polígonos industriais a través do ramal a San Cristobo” explica o concelleiro do BNG na Coruña.

Así mesmo, a deputada no Parlamento de Galiza culpabiliza desta situación tamén a falta de acción da Xunta de Galiza, primeiro de Feijóo e agora de Rueda, que após trece anos foi incapaz de reclamar as competencias ferroviarias ao Estado. “Unha política de submisión e exclusión que responde ao proxecto de pasado que representa o Partido Popular na Galiza” subliña Queixas.

“No BNG non lle temos medo ás responsabilidades coa Galiza e a asumir competencias que a fagan avanzar. Non nos poñemos límites e por iso comprometémonos a traballar e demandar a transferencia das competencias de ferrocarril interior como xa ten Euskal Herria, Catalunya ou Andalucía” indica a deputada. Realizada a transferencia, Mercedes Queixas defende a creación dun ente público que promova e xestione o futuro tren de proximidade galego “GALTREN” que permita “enlazar os principais núcleos de poboación arredor das cidades cun medio económico, ecolóxico e eficaz como son os camiños de ferro”.

Pola súa banda, o deputado da frente nacionalista no Congreso denunciou a discriminación que sofre a Galiza por parte do executivo do Estado. “É incríbel que, existindo a infraestrutura básica para facelo, o Goberno non mostre a vontade política suficiente para implantar o servizo de cercanías na área metropolitana da Coruña e no resto de cidades da Galiza” salienta Rego.

De facto, sinala que a Galiza é “un dos pouco territorios do Estado en que non existen servizos de proximidade”. Áreas como a da Coruña alcanza os 600.000 habitantes mais aínda non está implantado o servizo de cercanías, pola contra, outros territorios do Estado posúen este servizo con cidades de tan só 270.000 habitantes e áreas urbanas de 400.000. E como Galiza non ten proximidade, as persoas usuarias non van poder acceder ás bonificacións do 100%, só aplicábeis ás poucas liñas de MD que operan no País, pois excluíron as liñas AVANT, que só poden beneficiarse dunha redución do 50%. Porén, en resposta ás reclamacións que neste sentido trasladou o BNG no Congreso, a Ministra comprometeuse a estudar incluír tamén o AVANT na Galiza dentro das bonificacións do 100%.

“Pero debemos recordar que o centro da cuestión non é que non podamos acceder a estes descontos durante catro meses, que efectivamente pode servir de axuda, senón que os galegos e galegas carecemos de cercanías e de servizos ferroviarios de calidade, con frecuencias que se axusten ás necesidades das persoas usuarias e con tarifas competitivas, só esta política integral servirá de verdade para promover un maior uso dun transporte público e sostíbel” destaca Rego.