O BNG reforza no foro de Sâo Paulo os seus lazos con partidos de esquerda latinoamericanos
Ana Miranda súmase á petición de liberdade do expresidente de Brasil Lula da Silva, un dos impulsores da iniciativa antiimperialista en 1990
No marco da XXIV edición do Foro de Sâo Paulo, que ten lugar do 15 ao 17 deste mes en Cuba, e no que participan máis de 400 delegados e delegadas de América Latina, Asia, África e Europa, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, está desenvolvendo unha completa axenda de encontros bilaterais con diferentes partidos da esquerda de América Latina.
Deste xeito, Ana Miranda, que no Foro representa á Executiva Nacional do BNG, participou onte nos plenarios da primeira xornada, que contaron coa asistencia, entre outros líderes, da expresidenta de Brasil, Dilma Rousseff, así como o expresidente de Honduras, Manuel Zelaya, na actualidade líder do partido Libre.
“Estamos nun espazo axeitado para expresar o noso apoio co expresidente de Brasil Lula Da Silva”, comentou a eurodeputada do Bloque a respecto das palabras pronunciadas por Mónica Valente, secretaria Executiva do Foro, na súa inauguración, quen precisamente mencionou a loita pola liberdade do expresidente brasileiro fronte aos ataques da extrema dereita. Neste sentido lembraba que precisamente Lula foi un dos impulsores da creación do Foro en 1990.
Por outro lado, a representante do Bloque no Foro participou tamén no acto desenvolvido pola Federación de Mulleres Cubanas, onde coincidiu coas representantes de Esquerra, CUP e Frente Guasú. “Nun foro internacionalista como o de Sâo Paulo é un orgullo representar ao BNG e atopar a tantas mulleres loitadoras e valentes”, comentou Miranda ao respecto.
Visita ao Centro Galego
A eurodeputada galega tamén mantivo un encontro co dirixente do USPV arxentino Daniel Basteiro, fillo de emigrantes galegos, e coa Fronte Polisaria de Cuba, onde se entrevistou co embaixador saharaui en América Latina. Ademais, visitou o Centro Galego de La Habana para coñecer o primeiro lugar onde soou o himno galego e no que recoñece que non puido evitar a emoción.
Nas vindeiras horas, Miranda tomará parte asemade de outros encontros programados polo Foro, organizado polo PC de Cuba, como o “Diálogo do FSP colas plataformas, articulacións e redes do movemento social e popular” ou a Conferencia “Contra el colonialismo e pola solidariedade antimperialista”.
Desde a fundación do Foro en Brasil en 1990 co obxectivo de debater unha alternativa popular e democrática ao neoliberalismo, o BNG leva xa participado como observador en catro edicións pasadas, en concreto 2003, 2007 e a anterior en 2014.