BNG recrimina á Xunta a súa inacción ante o peche da central das Pontes e a súa “película” coa planta de biocombustibles
O BNG criticou hoxe con dureza no Parlamento galego a inacción da Xunta ante o peche da central de Endesa nas Pontes, xusto cando se cumpren 18 meses da súa comunicación por parte da eléctrica, nos que, segundo recalcou o portavoz nacionalista de Industria, Mon Fernández, “PP e PSOE, goberno galego e goberno español, Endesa mediante, son incapaces de poñerse de acordo nin sequera en situacións de crise e extrema necesidade, con desencontros, contradiccións, inoperancia, mentiras e de tirarse a os tastos á cabeza uns e outros sen dar solucións”.
“E agora que?”, cuestionou nunha pregunta parlamentaria ao vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, ao que recriminou que o Executivo galego sexa o único de todos os territorios do Estado afectados por peches de centrais térmicas que non asinou o protocolo de colaboración para impulsar o convenio de transición xusta, así como a “película” do proxecto de biocombustibles como alternativa ao peche.
“No tempo de desconto, menos de 24 horas antes dunha reunión da mesa das Pontes, envía vostede a proposta dos biocombustíbeis, que consiste fundamentalmente en dicirlle a Endesa que faga a planta e ao ministerio que pague unha prima de 30€MW. Impresionante”, criticou, para a continuación recordar a negativa á proposta tanto da compañía como do Goberno central, “dado que xa non hai primas”.
Neste contexto, o portavoz de Industria emprazou á Xunta a que aposte con seriedade e rigor polo proxecto: “Aposta por unha planta de biocombustíbeis para As Pontes? Se aposta, aposten. Canto diñeiro vai poñer a Xunta? Vai constituír unha sociedade para facer por si propia o que Endesa non está disposta a facer?”, incitou, logo de preguntar como vai o Goberno do PP a conciliar esa planta co feito de que os propios plans de xestión de residuos da Xunta prevén destinar para valorización enerxética apenas un 3% dos lodos e un 15% dos residuos agrogandeiros.
“Se fose unha proposta seria e viábel, estes serían os estremos que a Xunta ten que aclarar e concretar: se está disposta a constituír unha sociedade para promover e operar a planta, se vai modificar o plan para a xestión de residuos, e a que prezo vai entrar a produción desa planta no sistema eléctrico”, recalcou para a continuación incidir en que esta é “a chave das noces” porque, segundo lle afeou, “sabe vostede perfectamente que xa non hai primas”.
Para Fernández, esta é o retrato do Executivo de Feixóo ao longo destes últimos 18 meses: “facer que fai e mandar facer a outros; colocar permanentemente a pelota no tellado doutros e non asumir a responsabilidade de gobernar e de procurar solucións reais”.
A isto, Fernández engadiu que nos orzamentos galegos “non hai un peso” para a reindustrialización da vila das Pontes -“iso é o que vale o compromiso da Xunta coas Pontes”, recriminou-, polo que volveu emprazar ao titular de Economía a “deixar as películas e facer política” poñendo solucións enriba da mesa con consignacións orzamentarias.
O deputado nacionalista lembrou que o peche da térmica pode ter un custo de entre 1.000 e 1.400 empregos e os primeiros varios centos de despedimentos e traslados serán dentro dunha semana. “Que vai facer vostedes? Que vai facer a Xunta?”, inquiriu ao vicepresidente segundo para concluír a súa intervención.