BNG recrimina á Xunta a súa inacción fronte aos vertidos que impactan negativamente sobre a produtividade das rías
Rosana Pérez advirte que en 2023 houbo 1.915 verteduras, cinco diarias, que afectan á calidade das augas e empeora a clasificación das zonas produtivas
Afea ao Executivo que non realice un estudo integral das causas da caída da produción e se escude en motivos que “caen do ceo” para non recuperar as rías
Recorda que, na vez de incrementar investimentos, o Goberno do PP reduciu 20 millóns a partida destinada á rexeneración das rías nos últimos cinco anos
A portavoz nacionalista de Mar, Rosana Pérez, recriminou ao Goberno do PP a súa inacción ante o “gravísimo problema” que supoñen os vertidos ás rías de fábricas, depuradoras, industrias, minas ou de augas residuais e que impactan negativamente sobre a produtividade das rías, provocando mesmo o empeoramento da clasificación das zonas de produción.
Nunha interpelación en Pleno parlamentario, Pérez criticou á Xunta que atribúa a causas “que caen do ceo”, como o exceso de choiva, a alta temperatura e baixa salinidade das augas ou ao cambio no comportamento dos ventos, a “debacle progresiva” da produción denunciada polo propio sector, sen basearse en ningún informe, na vez de realizar un estudo integral e interdisciplinar, como propón o BNG, que determine as causas da caída produtiva para poder establecer medidas máis certeiras, de xeito completo, e non parcialmente como está a facer.
“Para a Consellería do Mar as causas da baixada de produción no 2023 con respecto aos últimos 20 anos, dun case 80% no berberecho, do 69% da ameixa rubia, do 67% da ameixa fina ou do 74,3% da babosa, son todas causas naturais”, ironizou para afear ao Executivo de Rueda que agoche a crueza dos datos detrás das causas metereolóxicas ou climáticas que lle serven “para eludir as súas responsabilidades e para non asumir as súas responsabilidades”.
Neste sentido, centrou a súa intervención “nesas outras causas que non caen do ceo” e que “son perfectamente medibles”, como é o caso dos vertidos, que segundo o censo publicado polo Ministerio de Transición Ecolóxica, ascenderon en 2023 a nada máis e nada menos que 5.800 verteduras urbanas e industriais a ríos e costas galegas, nomeadamente 4.441 puntos de vertidos urbanos e 1.415 industriais, dispersos por todo o territorio galego.
Tamén en 2023, a propia Augas de Galiza cifrou en 1.915 vertidos nas rías galegas, o que supón un incremento do 11% en relación ao ano anterior, e dos que 214 son contaminantes e 28 aínda están en investigación. “É dicir, estamos a falar dunha media de cinco vertidos cada día”, advertiu a deputada nacionalista, quen recordou que máis da cuarta parte prodúcense na ría de Arousa.
O impacto dese volume de vertidos recae sobre a diversidade mariña e sobre a calidade das augas, que afectan directamente á clasificación das zonas, subliñou, para afondar a continuación en que das 134 zonas produtivas que ten clasificadas a Consellería do Mar, só nove son zonas A, 14 son zonas C e o resto, 111, son zonas B. “Quere dicir que os moluscos bivalvos teñen que pasar necesariamente por depuradoras”, recalcou.
Pérez tamén se referiu á contaminación por augas fecais nas rías de Aldán e O Hío, en Cangas, con varias zonas que cambiaron “a peor” a súa clasificación por este motivo, o mesmo que tamén aconteceu noutras zonas de Cambados, O Grove, Baiona, o estuario do Mandeo, ou a ría de Cedeira, unha das dúas únicas Reservas Mariñas de Interese Pesqueiro de toda Galiza.
De igual xeito, aludiu á preocupante situación que viven a Foz do Miñor, que leva 20 anos sen que a consellería lograse sacala da clasificación de zona C, e a enseada de San Simón, tamén na ría de Vigo, cun sector marisqueiro que leva anos “coa auga ao pescozo” e que ve como se agrava cada vez máis o deterioro das augas “pola contaminación, si, pero tamén pola inacción política”, subliñou. “Ao Partido Popular dálle o mesmo como estean catalogadas as zonas, o caso é non investir e non recuperar”, sintetizou.
Nesta liña, a portavoz nacionalista de Mar reclamou máis investimentos para o saneamento das rías e denunciou que o grao de execución do programa de planificación e xestión ecolóxica foi apenas do 50% en 2023 e que o Goberno do PP recortou esa mesma partida entre 2021 e 2025 en 20 millóns de euros, “o que demostra claramente cales son as intencións da Xunta”, afirmou, para sinalar á reapertura da mina de Touro ou ao proxecto da macrocelulosa de Altri como exemplos de que “o de sanear ríos e rías e o de recuperalas non é o seu obxectivo”.
En resposta á titular de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que cifrou en 1.000 millóns o investimento da Xunta en saneamento, Pérez afeou que esa é a mesma cifra que xa manexaba a anterior conselleira, Beatriz Mato -“a señora de Greenalia”, recordou- en 2018. “Van ter que cambiar a cantidade porque, se no ano 2018 gastaban mil millóns de euros e agora en 2024 seguen gastando mil millóns de euros, non se comprende como non teñen solucionado algún que outro problema dos que citei”, reprochou.
Tras recordar os exemplos relacionados na súa primeira intervención, a deputada nacionalista concluíu que a Xunta “ou non inviste todo o que di que inviste, ou hai algo que está facendo mal”, polo que incidiu na necesidade de estudos integrais que determinen as causas da caída da produción nas rías e na necesidade de máis investimentos en saneamento, na vez de recortalos como está a facer o Executivo do PP.
Por último, tamén reclamou á conselleira de Medio Ambiente que actúe ante o baleirado de encoros nos bancos marisqueiros que o sector sinala como unha das causas da caída da produtividade. “Van seguir vostedes subordinándose ao que digan as eléctricas ou van actuar para que os sectores produtivos poidan ter posibilidade de vivir?”, concluíu.