BNG recrimina á Xunta que siga sen desenvolver a Estratexia de soidade non desexada tres anos despois de ser acordada
A portavoz nacionalista de Dereitos Sociais, Olalla Rodil, recriminou á Xunta que siga sen desenvolver a Estratexia para abordar de maneira integral a soidade non desexada tres anos despois de que o Parlamento galego aprobara por unanimidade a súa elaboración “urxente”.
“Moito fume e pouco lume que se di neste País”, reprobou Rodil nunha pregunta parlamentaria na comisión de Sanidade e Política Social logo de reprobar que ao longo destes anos “o único que fomos vendo é como a Estratexia se anunciaba e se anunciaba unha e outra vez que se ía facer pero, tres anos despois, non sabemos dela absolutamente nada”.
A viceportavoz parlamentaria do BNG advertiu que a pandemia e sobre todo as medidas de distanciamento físico e as limitacións á mobilidade que se impuxeron para frear o avance do virus afectaron ao conxunto da sociedade psicoloxicamente pero tiveron un impacto emocional aínda máis grande na poboación maior -o 25% da poboación galega supera os 65 anos, recordou- e especialmente naquela que vive soa. “Se abordar a soidade non desexada, e sobre todo o seu impacto social, era urxente en 2019, despois da pandemia aínda máis”, incidiu.
Logo de lembrar o veto do PP á proposta de lei galega de residencias presentada polo Bloque, Rodil defendeu a necesidade de blindar o dereito a unha vellez digna e desenvolver un novo modelo de coidados tamén no fogar e apostou por poñer a disposición das persoas que viven soas sen desexar estalo “toda unha rede de recursos e servizos públicos que permitan vivir dignamente e coa maior calidade e benestar”.
Fortalecer a rede de centros sociais, sanitarios e comunitarios, así como a de centros de día; reforzar os servizos de atención a domicilio e de teleasistencia e tamén o programa Xantar na Casa, promover o asociacionismo e a participación veciñal, así como a solidariedade entre xeracións e da cultura do coidado, o apoio mutuo e da comunidade, son algúns dos eixos que considerou prioritarios neste ámbito de actuación.
“O que queremos saber é que están facendo e sobre todo que xustificación teñen para demorar tres anos en dar cumprimento a un acordo parlamentario que era daquela, e cito textualmente o acordo, urxente”, reprobou para engadir a continuación que, lamentablemente, Galiza “vai tarde en moitas cousas”, pese a ser punta de lanza no envellecemento poboacional. Neste sentido, criticou a lentitude da Xunta á hora de reforzar servizos que son fundamentais neste ámbito e puxo dous exemplos concretos para concluír a súa intervención: o servizo de teleasistencia conta en Galiza actualmente con 7.600 persoas usuarias, segundo os datos de Política Social (cifra que ascendía a 8.373 en 2019) e o servizo de Xantar na Casa da cobertura a só 1.800 persoas en todo o País (en 2021 eran 1.600). “Como se pode comprobar, a cousa vai a un ritmo supersónico se me permiten a expresión”, concluíu.