BNG recrimina á Xunta por non executar os seus recursos para a internacionalización da lingua e a cultura galega
Mercedes Queixas reproba ao responsable de Políticas Culturais a falta de explicacións sobre a participación da literatura galega na Feira de Frankfurt
Cualifica de “vergoñento” que, tras a carta das editoras ao goberno de non participar no stand da Xunta ante a falta de apoio, o secretario de Políticas Culturais siga negándose a escoitar as demandas do sector
A portavoz de Cultura do BNG, Mercedes Queixas lamentou que , unha vez máis, o Secretario Xeral de Políticas culturais, Anxo Lorenzo non respondera a ningunha das cuestións formuladas pola nacionalista a respecto da política desenvolvida polo Partido popular dende hai trece anos, a modificación de criterios para a nova convocatoria para a tradución como reclama a Asociación de tradutores e tradutoras e a Asociación de editores e como xustifica o goberno o comunicado da Asociación de editores e editoras de non participar no stand da Xunta de Galiza nas feiras do libro internacionais. A deputada preguntou si existe algún “diálogo” entre a administración galega e os axentes culturais.
A nacionalista criticou ao titular da secretaria de Políticas culturais por centrar a súa intervención en “liñas abstractas e obxectivos abertos” e non en “proxectos concretos” como reclamaba a deputada do BNG na súa pregunta parlamentaria.
Mercedes Queixas indicou que o informe económico para actividades culturais reflicte un incremento do 20% sen embargo queda “sen executar unha cuarta parte” ao seu xuízo, un dos principais atrancos para a internacionalización da lingua e cultura galega.
Por outra parte, recriminou a Lourenzo que eludira responder sobre como será a participación da literatura galega, a través dos seus autores e autoras e persoas tradutoras, na Feira de Frankfurt, “un escaparate fundamental para expandir a creación literaria galega”.
Das súas palabras, dixo a nacionalista , podemos deducir que as xestión e negociacións da participación galega en Frankfurt redúcese a “un programa achicado no tempo” con proxectos determinantes como o Portal da literatura galega ou a antoloxía que debe ser actualizada. Non deixamos de ter unha percepción dunha política como vostede di “que se mantén no tempo” e que para nós é “unha política conxelada”, afirmou.
O sector da tradución non está satisfeito, recalcou Queixas e volveu a reclamarlle ao secretario xeral de Políticas culturais abrir un “diálogo” co sector e atender as súas demandas.
A deputada tamén se referiu á carta de editoras que decidiron asistir ás feiras internacionais do libro, pola súa conta e á marxe da Xunta ante a falta de apoio recibido do goberno nos últimos tempos. Esta carta, dixo, “ruboriza a calquera que a lera”. Galiza, é un “caso insólito” con respecto a calquera outro gremio editorial do Estado ou foráneo cando reclaman “un stand estritamente profesional” porque a Xunta perpetúa un sistema de participación “inútil” para os nosos profesionais e editoras e sobre todo, para “a internacionalización do libro galego”. Neste sentido, preguntou ao secretario xeral se non lle parecía duro ter que escoitar desta maneira ás editoras. Como responsable político debe dicir algo publicamente e no caso contrario “transmita unha resposta máis en positivo e proactiva ao sector”.
As recentes xornadas do Consello da Cultura galega nas súas conclusións deixa claras as propostas de accións, e dende o BNG, dixo, concordamos en que a política de internacionalizacións debería ser coordinada polo “Instituto Rosalía de Castro” de maneira profesional para a difusión exterior da cultura galega, unha política activa que permita un intercambio de estadías de autores e autoras galegos e estranxeiros e un “Plan galego de tradución que identifique o catalogo de obras prioritarias que deben ser traducidas ao galego do cal carecemos”, así como incorporar melloras ás axudas á tradución desde o galego para facelas “atractivas e accesibles ás empresas editoras estranxeiras”.
Finalmente, a deputada rematou a súa intervención amosando unha viñeta de Xaquín Marín coa lenda: “O maior mérito que temos é liquidar a cultura galega e que pareza que traballamos para que non esmoreza”.