BNG recrimina á Xunta que antepoña a súa espiral mediática ás medidas efectivas na xestión sanitaria da pandemia
“Tivemos que agardar a finais de novembro para que vostede veña comparecer no Parlamento por vontade propia no contexto dunha pandemia sanitaria sen parangón no pasado recente”. Así respondeu á primeira comparecencia a petición propia do conselleiro de Sanidade na Cámara a deputada Montserrat Prado, quen censurou a xestión da Xunta por estar “centrada na espiral mediática por diante das medidas efectivas”.
Prado recriminou ao Executivo galego o seu “comportamento errático” durante a crise sanitaria e afeou a súa actitude restritiva na toma de decisións, con “medidas direccionadas cara á responsabilidade individual ou a criminalización de determinados colectivos como responsábeis dos contaxios” fronte á ausencia de medidas preventivas e de reforzo do sistema público de sanidade.
A deputada nacionalista tamén criticou a opacidade do Goberno do PP na información sobre o sistema de rastrexo. “Os galegos e as galegas temos dereito a saber que uso está facendo a Xunta da información da que dispón e en que datos basea as decisións que toma”, cuestionou para subliñar a continuación o comportamento tamén errático na realización de probas diagnósticas e a redución do número de PCRs en áreas cun elevado número de contaxios.
Logo de repasar as principais cifras da pandemia, con máis de 1.160 persoas falecidas e case 50.000 afectadas, “moi lonxe dos 25 positivos por 100.000 habitantes que establece a OMS”, a portavoz de Sanidade recalcou que “non ter controlado a primeira onda derivou en repetir os mesmos erros e sufrir a segunda”. “Se non toman nota volveremos ter unha terceira onda para a que non se vai volver estar preparados”, advertiu. Neste sentido denunciou a falta de compromiso co reforzo da sanidade pública e alertou sobre os orzamentos da consellería para 2021, que medran un 1,6% menos que a media a pesares de estar no medio dunha pandemia sanitaria.
Prado considerou que “non é de recibo” o anuncio feito polo conselleiro de recuperar a atención presencial ata o 40% a final de ano: “a cidadanía precisa ter acceso ás e aos profesionais”, alertou, para a continuación concluír coas propostas do Bloque no ámbito sanitario e que pasan, entre outras, pola activación de inmediato da presencialidade na Atención Primaria, un plan de rastrexo e o reforzo de recursos e profesionais e o remate da precariedade laboral.