BNG recrimina a utilización da vida privada dunha espectadora no Land Rober de TVG para crear contido televisivo
A deputada do BNG, Olalla Rodil cualificou de “bochornoso, indignante e inadmisible” o acontecido cunha espectadora no programa da TVG, Land Rober, o pasado día 8 de abril.
Para a nacionalista, hai un grao de sensibilización na sociedade galega contra a violencia machista nas súas diversas formas, “moitísimo maior do que houbo nunca en Galiza”. “Sabemos que hai programas con moita audiencia e notoriedade pero non imos “comungar con rodas de muíño” e para mostra o “berro unánime” das sociedade galega tras o programa, recalcou.
Rodil preguntou ao director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, si as imaxes emitidas o 8 de abril foron editadas ou non, si ese home finalmente entrou ou non no plató e si hai alguén na corporación que supervise casos coma este onde os contidos son realizados por produtoras externas.
Máis alá da descrición das imaxes, dixo Rodil, vimos como a vida privada dunha muller anónima que non dera o seu consentimento, foi usada como “mercadoría para crear contido televisivo”, como “cebo” durante todo o programa, e puidemos constatar a falta de perspectiva de xénero e ética profesional, “banalizando comportamentos machistas baixo o manto dun suposto amor romántico”.
Para a deputada, existe “unha concepción do romanticismo e do amor que dá pavor” como xustificar que os ciumes como algo anecdótico ou a frase “pobre chaval que está namorado”. Tras o programa, moitas persoas sentiron vergoña do acontecido e se preguntaban como pode pasar algo así no século XXI. “Pois si, pasou”, respondeu Rodil, para engadir que a “tiranía das audiencias” non ten escrúpulos en converter ás persoas en mercadoría televisiva. A deputada lembrou que o autor de Sociedade do espectáculo, Guy Debord, explica claramente como é colonizada a vida social e a vida privada como último elemento.
Logo da emisión do programa, dende o BNG pedimos un pronunciamento da CRTVG, e o propio condutor do programa así o fixo ao día seguinte. “Pero moito nos tememos que presionado pola escandaleira e indignación social que provocou o acontecido”, afeou.
Rodil tamén preguntou a que se dedica a TVG cando remexe na vida privada da xente, ou que busca indagando na vida privada dunha espectadora que acode a un programa para pasar un bo momento. O que realmente busca, respondeu, é facer “telelixo”, pura telerealidade presionando tanto a alguén que ao final conseguiron que chorara ante a audiencia da televisión pública e tivera que relatar de novo e en público a experiencia “tóxica, acosadora e perturbadora” coa súa exparella.
A deputada criticou que o programa vendeu unha “suposta historia de amor” que o que realmente tiña detrás era “un controlador, un machista e acosador”. “Estas persoas no levan un posit na cabeza, son normais e fanse pasar por excelentes persoas na súa vida diaria”, remarcou.
Rodil tamén inquiriu ao titular da CRTVG si a televisión pública galega debe facer este tipo de entretemento propio do “telelixo” e cuestionou que na grella pública haxa “moitos programas que seguen esta liña artellando conflitos guionizados entre familias rurais e urbanas e con roles que xa deberían estar desterrados deste país, parodias que tamén son representadas no Land Rober”.
O acontecido no Land Rober “non foi un erro, non foi unha anécdota e non abonda con pedir perdón para pasar páxina. “Exiximos unha reflexión profunda como xa reclamou o Colexio de Xornalistas, o Comité Intercentros e a plataforma Defende a Galega”, reclamou.
Tras a intervención de Sánchez Izquierdo, que atribuíu a “movementos sociais decontrolados” a resposta social contra o acontecido no Land Rober, Rodil preguntou ao director da CRTVG si se refería ao Movemento feminista porque as feministas, afirmou, “estamos máis controladas que nunca porque estamos controladas por nós mesmas por primeira vez na historia” e reiterou que resulta “inaceptable” que o ente público pretenda reducir o acontecido a “unha anécdota”. “Imos seguir igual de descontroladas. Somos malas, xa o dixemos moitas veces, pero podemos ser peores”, concluíu.