O BNG recrimina ao PP a súa negativa a que Rueda compareza no Parlamento pola “situación extrema” da sanidade e acúsao de aplicar unha “voadura programada” da Atención Primaria
Montserrat Prado empraza á Xunta a presentar medidas ante unha realidade que alcanza a alarma sanitaria en puntos como a área de Pontevedra-O Salnés
A portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, criticou con severidade a negativa do PP na Deputación Permanente do Parlamento galego á comparecencia do presidente da Xunta na Cámara solicitada polo BNG para dar explicacións e presentar medidas alternativas ante a “situación extrema” que vive a sanidade pública galega e particularmente a Atención Primaria, logo do caso da muller falecida en Baltar (Sanxenxo) que non recibiu o servizo de ambulancia solicitado.
“O PP está facendo unha voadura programada da Atención Primaria e lévana facendo dende hai anos, porque se quixeran desenvolver medidas e realmente quixeran solucionar a situación, atenderían esta petición, viría o presidente da Xunta a comparecer neste Parlamento sen problemas e, entre todos e todas, poñeríamos alternativas enriba da mesa”, reprobou, para recalcar a continuación que “lamentamos profundamente que diante desta grave situación, da desatención sanitaria e cos e coas profesionais ao límite, o PP se negue a que o máximo responsable do Goberno galego veña ao Parlamento a presentar alternativas, non só ao conxunto de deputados e deputadas, senón ás e aos profesionais e, sobre todo, a todos os galegos e galegas que están vendo como algo tan imprescindible como é unha sanidade pública de calidade está dinamitada, cunha voadura continua e permanente por parte do PP”.
Porque, segundo afirmou a deputada nacionalista na súa intervención, “sobran as razóns para que o presidente da Xunta compareza neste Parlamento, dea explicacións e, sobre todo, traia alternativas”, xa que “os galegos e as galegas esperan que cando precisan atención sanitaria teñan esa atención sanitaria e non cartaces colgados nos centros de saúde dicíndolle que non hai médico e que busquen atención noutro sitio”.
Así se referiu á realidade que viven moitos dos centros de saúde do País e que exemplificou na Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés, á que se referiu como o “KM 0 da alarma sanitaria” e onde son habituais os carteis de aviso á poboación da falta de médicos e médicas nos propios centros de saúde.
Neste sentido, ofreceu datos concretos sobre a gravidade da situación: un ou dous médicos ou médicas no Grove cando tiña que haber nove e sen ningún no PAC “un día si e outro tamén”, cando a poboación se multiplica pola afluencia turística ata acadar as 20.000 persoas; as axendas pechadas en Sanxenxo para atención ordinaria e un único facultativo no PAC desta localidade; Cotobade, con semanas enteiras sen ningún médico; Vilagarcía, con só 4 ou 5 dos 14 que teñen oficialmente e un só no PAC; Marín, co cadro de persoal tamén minguado e sen médico habitualmente no PAC; o PAC da Parda, cun único facultativo para atender a nove concellos, ou a realidade tamén de Cambados, onde “chegaron a non ter planificado médico no sábado da Festa do Albariño, con miles de persoas no concello”.
“A realidade que o PP quere obviar é que a muller falecida tivo que acudir ao PAC de Baltar porque non había atención no Grove e o que demandamos é que isto non volva pasar”, advertiu logo de trasladar unha vez máis as condolencias do Bloque á familia da falecida, caso do que dixo que tristemente “non sabemos se se lle podía ter resolto ou non porque non se lle deu a oportunidade, porque non había recursos”.
Nesta liña, considerou inaceptable que o PP “pretenda que aceptemos como normal a falta de atención, días de espera para ter unha cita, miles de galegos e galegas sen médico ou médica, os PACs sen facultativxs, os nenos e nenas sen atención pediátrica, que as urxencias dos hospitais estean saturadas ou que as ambulancias non cheguen a tempo” e recordou que o BNG leva advertindo anos das “letais” políticas do Goberno do PP para a sanidade pública ao longo dos últimos 13 anos.
“Esta situación non é sobrevida, imprevista, é consecuencia das súas políticas, cun recorte orzamentario que, aínda hoxe, ten 47 millóns de euros menos que hai 13 anos; non tomando medidas a pesares de que sabían dende hai anos que ían faltar profesionais para cubrir todas as prazas existentes, as xubilacións e as vacantes; ou convertendo en norma intersubstitucións e prolongacións de xornada para que un ou unha profesional faga o traballo de 3 ou catro”, enumerou, para apuntar a continuación á fuga constante de profesionais pola precariedade e o maltrato permanente da Xunta e que provoca, por exemplo, que dos 89 MIR de familia que remataron este ano só 30 aceptaron quedarse na Atención Primaria galega.
Neste contexto, emprazou ao Goberno do PP a non “facer de comentarista” e achegar solucións que, segundo subliñou, si hai, tal e como pon de manifesto o Bloque, que si está poñendo alternativas enriba da mesa. Así, avogou por aumentar o orzamento destinado á Atención Primaria ate chegar ao 25% porque, actualmente, Galiza está 2,2% por debaixo da media estatal, “nin sequera chegando ao 14% da media do Estado”.
De igual xeito, defendeu o incremento da estabilidade dos cadros de persoal e rematar coa precariedade laboral: “deixen de mentir con que van a ampliar con 106 médicos e médicas de familia; non é certo, simplemente e no mellor dos casos os estabilizan, son postos que xa existen”, recriminou.
Por último, apostou por poñer en marcha un Plan de retorno, captación e fidelización de profesionais, con ofertas atractivas e competitivas tanto no ámbito económico como nas condicións laborais, e pola incorporación de novas categorías profesionais que contribúan a desconxestionar a atención sanitaria, nomeadamente na Atención Primaria.