parlamento galego

BNG recrimina ao PP o seu veto no Parlamento á renovación da dirección da CRTVG, “á marxe da lei” dende hai 13 anos

Olalla Rodil

Olalla Rodil critica a hipocrisía do partido presidido por Núñez Feijóo ao non aplicar en Galiza e onde goberna o que exixe a outras administracións

O BNG recriminou ao PP o seu voto en contra á proposición non de lei coa que a formación nacionalista defendía dar inicio ao proceso de renovación da dirección da CRTVG e rematar así coa “anomalía democrática” na que se atopan os medios de comunicación públicos galegos, cunha dirección “á marxe do que di a propia lexislación” dende hai 13 anos.

A viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, reprochou á bancada dos populares o seu voto en contra a unha iniciativa que, curiosamente, vai na liña do que o seu propio presidente, Alberto Núñez Feijóo, vén reclamando nas últimas semanas: rexeneración democrática e acabar co control político nos medios públicos.

“Nada satisfaría máis, ao BNG, pero sobre todo ás traballadoras e traballadores da CRTVG, ás máis de 800 persoas que traballan na radio e na televisión públicas de Galiza que o Partido Popular fixese aquí o que predica fóra”, afondou para sinalar á iniciativa nacionalista como a oportunidade do PP para “garantir alí onde gobernan aquilo que piden facer aos demais”.

Logo de enumerar distintos casos de represalias e vetos, non só a traballadores e traballadoras, senón tamén a colaboradores, Rodil advertiu que os límites ás inxerencias do Executivo que o Partido Popular pide a outras Administracións xa están recollidos en Galiza dende hai 13 anos na Lei de medios públicos de comunicación audiovisual, norma incumprida “de maneira obscena e absolutamente consciente” por un PP que quere “seguir exercendo un control partidario” para que a radio e a televisión públicas sigan sendo “o seu gabinete terminal de propaganda”.  

A deputada nacionalista recordou que a lei establece que a directora ou director xeral da CRTVG é elixido polo Parlamento galego por maioría de dous terzos -cinco máis dos que ten na actualidade o Partido Popular logo de perder dous nas últimas eleccións-, mais, sen embargo, o actual director, Alfonso Sánchez Izquierdo, ocupa o posto dende 2009 despois de “ser posto a dedo” por Núñez Feijóo e ver prorrogado o seu cargo “sen data límite” despois de que o PP cambiase a lei “pola porta de atrás” en 2015.  

“Como lle chaman a cambiar a lei para non ter que cumprila?” cuestionou Rodil para defender a necesidade de devolverlle o control dos medios públicos “ás únicas persoas que pertencen, aos galegos e galegas”, quen os sufragan con máis de 100 millóns de euros ao ano.

Segundo recalcou a viceportavoz nacionalista, o primeiro paso para conseguir este obxectivo é acabar coa anomalía democrática na que o PP mantén á CRTVG cunha dirección que “está á marxe da lei” desde hai 13 anos e que lle nega ás traballadoras e traballadores os seus dereitos ao “vetar a aprobación do estatuto profesional e a creación do consello de informativos”, previstos tamén na lei. “Se queren falar de liberdade de prensa, primeiro deixen de esmagala en Galiza”, concluíu.