BNG recolle as propostas da CIG para impulsar o sector da automoción ante o reto do vehículo do futuro
A deputada do BNG, Carmela González e o deputado, Ramón Fernández mantiveron hoxe un encontro, no Parlamento galego co secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, e a responsábel da automoción da federación, María Xosé García para abordar o documento de propostas elaborado pola CIG sobre o sector da automoción en Galiza.
Tras recoller o documento das propostas, os deputados do BNG afirmaron que o sector da automoción precisa do compromiso da Xunta para liderar un plan que consolide os postos de traballo e coloque a Galiza nas mellores condicións ante “o reto do vehículo do futuro”.
A deputada, Carmela González fixo fincapé na alta produción de vehículos de combustión en Galiza fronte a países europeos que están a priorizar “tecnoloxías menos contaminantes”. Neste sentido, afirmou que esta liña de produción colócaos “a cabeza” na carreira das novas tecnoloxías. Para a deputada do BNG, “a Xunta ten que abandonar o seu seguidismo a Stellantis Citroën Vigo e poñerse ao fronte dun plan de futuro para consolidar os postos de traballo e medidas que impidan que Galiza quede atrás na carreira do vehículo do futuro”.
Ademais, tamén avogou por “implantar fabricas de novos compoñentes para a produción de vehículos eléctricos que fortalezan o sector da automoción e que eviten paralizar a actividade pola falta de microchips”.
Por outra parte, reclamou unha “posición firme do goberno galego” sobre a instalación da fábrica de baterías e a aplicación dunha tarifa eléctrica galega para favorecer a competitividade da industria, “como xa ten reclamado o BNG e múltiples ocasións”.
Finalmente, a deputada, Carmela González anunciou que o BNG rexistrará unha batería de iniciativas para abrir o debate no Parlamento galego sobre as propostas presentadas hoxe pola CIG ao grupo parlamentario nacionalista.