BNG recolle nun mes 23.610 sinaturas en contra da estafa da factura da luz e a favor dunha tarifa eléctrica galega
Pontón ve na resposta da cidadanía un mostra de “indignación e cabreo a partes iguais”, ante unha escalada imparable en plena crise
Atribúe as portas xiratorias unha normativa a favor do lobby eléctrico na fixación de prezos: “é como se nun restaurante pedimos un ovo frito e o pagamos a prezo de lumbrigante”
O BNG entregou no rexistro da Xunta as 23.610 sinaturas de galegas e de galegos en contra da estafa da factura da luz e a favor da tarifa eléctrica galega, recollidas en apenas un mes de campaña posta en marcha pola formación nacionalista en todo o País, como acción de protesta e de denuncia ante a escalada imparable do prezo da electricidade.
“Facemos a entrega das sinaturas contra a estafa da factura da luz, que é máis estafa que nunca, unha estafa xigante que indigna e cabrea a partes iguais, que está afogando a familias, traballadores e traballadoras autónomas e pequenas en medianas empresas en plena crise. Unha esperpéntica nun País que, como Galiza, é rico en electricidade, que leva décadas pagando os custe sociais e ambientais pero sen obter ningún beneficio”, denunciaba a portavoz nacional, Ana Pontón.
Para a líder nacionalista, a imparable escalada do prezo da luz, -106 € por MWh fronte aos 40,3 de 2020 ou aos 53,41 € de 2019-, a máis cara de Europa e a máis cara da historia só se explica por un sistema normativo pensado a favor do lobby eléctrico e en contra da maioría social, en particular un sistema de fixación de prezos que deriva no que se coñece como beneficios caídos do ceo, polo que o custe final o marca a enerxía máis cara aínda que sexa minoritaria na cesta da puxa.
“E como se imos a un restaurante, pedimos un ovo frito e o pagamos a prezo de lumbrigante, pareceríanos un disparate pero iso é o que pasa agora porque son as eléctricas as que definen as leis pensadas para maximizar os seus beneficios a costa de espremer á cidadanía”, critica Pontón, que ve na rápida recollida de sinaturas “unha mostra de que os galegos e as galegas están fartas desta estafa e queren que se plante cara ás eléctricas”.
E por iso suman o seu apoio a unha campaña para reclamar a tarifa eléctrica galega e a intervención pública no sector da enerxía que inclúa creación dunha empresa pública galega de enerxía para que se sexa xestionada desde o público e a favor da maioría social. Propostas do BNG que avanzou Pontón.
Pese a ser Galiza rica en electricidade, lonxe de ter algún tipo de beneficio, cada vez se paga a luz máis cara, e hai miles de postos de traballo en xogo polo custe da enerxía, mentres hai un veto sistemático do PP e do PSOE á tarifa eléctrica galega.
“Por que os galegos e as galegas pagamos unha factura da luz que é unha estafa nunha Galiza rica en electricidade? Por que no medio dunha crise sen precedentes, coas familias, as pequenas e medianas empresas, as persoa autónomas, a hostalería, o comercio local, e sectores económicos enteiros literalmente afogados estamos ante o prezo da luz máis caro da historia, máis de 100 € por MWh?”, interpelaba Pontón.
Como no entorno europeo
“Suecia, Noruega, Dinamarca, Francia, Alemaña son países con tarifas diferenciadas, e as zonas produtoras pagan menos. Por pura lóxica, posto que é máis barato dar subministro eléctrico alí onde se produce, e tamén por xustiza, para compensar polos custes ambientais e sociais, por que en eses países si e aquí non?”, se pregunta. A resposta: porque o lobby eléctrico ten cadeira preferente tanto no Consello de ministros e ministras como no Consello da Xunta.
“Vemos como nos consellos de administración de ENDESA, Naturgy ou Iberdrola se sentan ex presidentes, ex ministros e ministras do PP e do PSOE”, denunciou, en referencia ás portas xiratorias, “e se lle pagan moitos cartos non é polo seu coñecemento do sector eléctrico senón para influír nos gobernos”, ironizou.
A portavoz do Bloque foi moi crítica coa inacción do presidente da Xunta. “Non fai nada de nada, máis aló de apoiar a causa do lobby eléctrico facilitando un boom eólico depredador, que é unha auténtica bomba para o medio rural. E, a outra achega de Feixóo, vetar de xeito sistemático a tarifa eléctrica galega impedindo que as familias e as empresas paguen menos pola luz”, concluíu.