Congreso

O BNG reclamou no Congreso a preservación do cargadoiro Coto Wagner e a súa restauración

Coto Wagner. Foto: César Sotelo
Néstor Rego solicitou que se faga público o proxecto que ten pensado para esta estrutura a Autoridade Portuaria de Vigo, entidade dependente de Portos do Estado do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclamou ao Goberno español que tome as medidas necesarias para a preservación e restauración como Ben de Interese Cultural o cargadoiro portuario Coto Wagner, coñecido como cargadoiro de Rande que foi construído nos anos 60 na parroquia de Cedeira, concello de Redondela.

Esta construción destaca pola súa estrutura metálica singular que tras rematar a súa vida industrial a mediados dos anos 70, quedou abandonada polas distintas administracións públicas durante 40 anos. A construción áchase nun enclave privilexiado xunto á Fábrica do Alemán (actual museo de Meirande) e das ruínas do Castelo de Rande, entre outros puntos de interese histórico e paisaxístico. Dada a súa importancia histórica, a asociación ARPE (Asociación Rande Patrimonio Europeo) está mobilizándose para conseguir que o conxunto dos bens históricos descritos sexan declarados como Bens de Interese Cultural.

O BNG solicitou que se faga público o proxecto que ten pensado para esta estrutura a Autoridade Portuaria de Vigo, entidade dependente de Portos do Estado do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. “Este organismo intentou en varias ocasións nos últimos anos dedicar o cargadoiro e as zonas anexas, a distintas finalidades que porían en risco a preservación do entorno natural e o valor cultural da zona” explicou Néstor Rego.

No ano 2008 a Autoridade Portuaria de Vigo, presidida por Jesús Paz Arias, iniciou un proxecto que despois remataría Corina Porro e que consistía na adecuación da explanada para a instalación dunha cementeira, “actuación que foi freada grazas á oposición de veciños e veciñas” subliñou o deputado nacionalista. Finalmente, despois de investir 7 millóns de euros, foi asfaltada e dotada de electricidade á explanada, o cal supuxo un ataque á conservación da estrutura, pois con esa actuación os túneles utilizados para a carga de mineral quedaron ocultos baixo o asfalto.

Os nacionalistas alertan que o actual presidente da Autoridade Portuarias, Enrique López Veiga, fixo pública a súa intención de dedicar esa explanada como almacén de grandes contedores e continuando coa intención de desmantelar este enclave histórico. O BNG considera fundamental que se conserve este patrimonio histórico e cultural poñéndoo en valor e ao servizo da sociedade.