BNG reclamará á Xunta no próximo pleno recursos para a saúde mental e que recorra o veto europeo á pesca de fondo
Olalla Rodil advirte que só hai 120 profesionais de psicoloxía clínica no Sergas pero máis de 10.000 persoas agardando por unha primeira consulta
“O recurso xudicial do Goberno galego contra o veto ás artes de fondo é máis que unha demanda xudicial, é un acto de dignidade colectiva”, alega
O BNG reclamará á Xunta no próximo pleno do Parlamento a dotación dos recursos que precisa a sanidade pública para atender á saúde mental e que presente de maneira inmediata un recurso xudicial contra o veto da Comisión Europea á pesca de fondo.
Así o adiantou logo da reunión da xunta de portavoces a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, quen avanzou que a pregunta da portavoz nacional, Ana Pontón, ao presidente da Xunta estará centrada nos recursos dos que dispón Galiza para atender a saúde mental na sanidade pública, a todas luces insuficientes, nun contexto marcado ademais por unhas necesidades crecentes neste ámbito de actuación.
“Esta é unha preocupación social de primeira orde e preocupa especialmente a situación que se está a dar entre a infancia e a mocidade”, recalcou, para advertir a continuación que neste País ir á consulta da psicóloga ou do psicólogo “continúa sendo un luxo ao que pode acceder quen ten cartos” cando se trata “dun dereito”. Neste sentido recordou que en Galiza hai máis de 10.000 persoas agardando por unha primeira consulta, segundo os datos do Colexio de Psicoloxía e o Movemento Galego de Saúde Mental, e que o tempo medio de espera para que unha persoa sexa atendida por primeira vez sitúase entre os 6 e os 9 meses.
“Só hai 129 profesionais de psicoloxía clínica no Sergas, o que representa unha ratio de menos de cinco profesionais por cada 100.000 habitantes cando a recomendación da OMS son, como mínimo, 12 por cada 100.000 habitantes”, alertou, para subliñar a continuación que “lanzar un tweet o 10 de outubro -día mundial da saúde mental- está moi ben, pero moito mellor estaría dotar a sanidade pública dos recursos que se necesitan”.
De igual xeito, Rodil avanzou que o Bloque reclamará ao Executivo galego nunha proposición non de lei a “presentación inmediata do recurso xudicial” contra o veto ás artes de fondo en 87 zonas pesqueiras, un recurso que considerou “é máis que unha demanda xudicial, é un acto de dignidade colectiva; de facer valer Galiza e os dereitos sociais e económicos deste País fronte ás institucións europeas que levan décadas achicando e achicando a frota galega con decisións coma esta”.
Nesta liña, avogou por “redobrar os esforzos en todos os ámbitos” para paralizar a decisión europea que vén de entrar en vigor e, segundo afirmou, “aí a Xunta ten que asumir tamén a súa responsabilidade como Goberno galego na defensa dun sector estratéxico para Galiza”. “A voz en contra da decisión europea é unánime neste País e por iso é urxente que a Xunta se poña a traballar para presentar ese recurso, porque vai levar atrás del a todo o País”, incidiu.
Ademais destes asuntos, o BNG tamén defenderá outra proposición non de lei para esixir a retirada da rebaixa fiscal para as e os ricos que pretende impulsar o PP nos orzamentos de 2023 coa bonificación do 50% do Imposto de Patrimonio. O Bloque impulsa deste xeito o debate sobre esta proposta antes de que a Xunta rexistre o proxecto de lei de orzamentos, “a tempo de que rectifique, porque non se pode gobernar para menos do 1% da poboación, non se pode gobernar para unha minoría rica”, subliñou Rodil.
Así pois, e ademais de pedir a retirada da medida, a formación nacionalista defenderá unha proposta “radicalmente diferente e dirixida ao 99% dos galegos e das galegas” para avanzar nunha reforma fiscal xusta e redistributiva que garanta que quen ten máis, achegue máis ao sostemento e blindaxe dos servizos públicos. Deste xeito, proporá a incorporación na lei de orzamentos de medidas para elevar un 10% o mínimo exento do IRPF, incrementar o número de tramos do imposto da renda, aumentar o imposto de patrimonio, baixando o mínimo exento a 300.000 euros, excluída a vivenda habitual, e tamén medidas dirixidas a perseguir a fraude fiscal “un burato negro -segundo Rodil- polo que se van miles e miles de millóns de euros ao ano”.
Por último, a viceportavoz parlamentaria destacou entre os asuntos plenarios unha interpelación sobre a política eólica e medioambiental da Xunta, logo que onte se coñecera unha nova sentenza xudicial “demoledora” do Tribunal Supremo neste caso, que condena ao Goberno do PP “por permitir a empresas facer o que lles dá a gana en partes do territorio que ademais están protexidas pola Rede Natura, como é o caso da paralización, xa definitiva por sentenza firme do Tribunal Supremo, do parque previsto na serra do Iribio, nos concellos de Samos e Triacastela”.
Rodil recordou que esta sentenza vense sumar ás que paralizaron proxectos eólicos nas Sasdónigas, en Mondoñedo, ou no concello de Corme. “O que necesitamos é impulsar as enerxías renovables, si, pero non a costa de depredar o medio, o territorio”, advertiu para insistir a continuación en que cómpre fortalecer a posición tanto das veciñas e veciños como a garantía de protección do medio ambiente e o territorio. “O que non pode estar o Goberno do PP é máis preocupado por velar polos intereses de un puñado de empresas, máis que por garantir o cumprimento da lei e a protección do medio, do territorio e da poboación que vive especialmente nos concellos rurais”, concluíu.