A anulación do xuízo militar sumarísimo contra o dirixente nacionalista Alexandre Bóveda continúa sendo unha débeda pendente 84 anos despois de fose fusilado na Caeira polos militares fascistas sublevados e 45 após morte do ditador Francisco Franco. No ano 2006 foi aprobada no Congreso unha iniciativa presentada polo deputado do BNG, Francisco Rodríguez, que, no entanto, non foi executada polo Goberno. Nove anos despois, en 2015, coa Lei de Memoria Histórica xa aprobada, o Goberno expide unha Declaración de reparación e recoñecemento persoal de Bóveda como vítima do franquismo, en aplicación da Lei 52/2007.
Porén, o Goberno español continúa sen actuar para lograr a anulación formal de todos os Consellos de Guerra practicados polos militares fascistas sublevados e, particularmente, o que condenou a morte Alexandre Bóveda, como xa fixo no caso do Presidente catalán Lluís Companys en decembro de 2018.
Como declaraba na altura o neto do líder galeguista e Vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda, Valentín Bóveda, “Que a reparación moral de Bóveda non implique a anulación do xuízo sumarísimo é un delirio”. É, claramente, o acto de reparación que falta para restituír plenamente a dignidade e a figura de quen foi un defensor da Galiza e da democracia e un referente na consecución do primeiro status legal de autogoberno para o noso País.
En consecuencia, o BNG presentará de novo no Congreso unha Proposición Non de Lei co obxectivo de lograr que o Goberno actúe xa para anular o xuízo e a condena a morte de Alexandre Bóveda. “Resulta rechamante que 45 anos após a morte do ditador Francisco Franco aínda non fose anulado o proceso militar sumarísimo en que Bóveda foi condenado a morte por demócrata e nacionalista. Lamentabelmente, iso di moito sobre a baixa calidade democrática do Réxime español.”, salienta Néstor Rego.
Cabe lembrar que após a sublevación dos militares comandada por Franco, Alexandre Bóveda liderou a defensa das institucións democráticas en Pontevedra e foi detido no 20 de xullo de 1936. Após un proceso sumarísimo realizado polos militares facciosos, foi condenado a morte no 14 de agosto e fusilado na Caeira no 17 de agosto.
Alexandre Bóveda mantivo en todo momento a firmeza política e ideolóxica en defensa da Galiza e da democracia. Coñecidas son as súas palabras pronunciadas perante o Tribunal militar que o condenou a morte: “A miña Patria natural é Galiza. Ámoa ferventemente. Xamais a traizoaría, aínda que se me concedesen séculos para vivir. Adóroa até máis alá da miña morte. Se entende o Tribunal que por este amor entrañábel debe de me ser aplicada a pena de morte, recibireina como un sacrificio máis por ela. Fixen canto puiden por Galiza e máis faría se puidese. Se non podo, até gostaría de morrer pola miña Patria. Baixo a sua bandeira desexo ser enterrado.”
Castelao foi o primeiro a recoñecer o valor político do exemplo de determinación de Bóveda: “Moitas veces os mártires crean mundos que os heroes nin tan sequera son capaces de concibir, e na miña Terra cumprirase a vontade dos mártires. Bóveda terá de ser nun mañá próximo ou distante a bandeira da nosa redención.”
A firmeza na defensa do seu compromiso coa Galiza e do seu patriotismo continúa actuando como un exemplo para o presente. En tributo a Bóveda e a todas as persoas que deron a vida pola causa da Galiza e da liberdade o 17 de agosto foi designado como ‘Día da Galiza Mártir’.