O BNG reclamará no Congreso axudas para o sector da pesca
Néstor Rego reúnese co sector pesqueiro da Mariña para recoller as súas demandas e trasladalas ao Congreso
O BNG comparte a profunda preocupación do sector polo descenso da venda de peixe e a caída dos prezos.
O deputado exixe tamén medidas e o fornecemento de material adecuado para que a actividade se poida desenvolver con seguridade.
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, mantivo esta tarde unha reunión telemática con varios representantes do sector pesqueiro da Mariña entre os que se encontraban Basilio Otero, presidente da Federación Provincial de Confrarías e da Federación Nacional de Confrarías, Eduardo Miguez, xerente de Porto de Celeiro, Miguel Neira, xerente de ABSA, Sergio López, representante da OPP-07 e Tito Sixto, presidente de Adexmar. Tamén asistiron por parte do BNG a responsábel comarcal e alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, o tenente alcalde de Foz, Francisco Xavier Fanego, o responsábel de política municipal e organización, Antonio Veiga, a portavoz municipal en Viveiro, Miriam Bermúdez e o portavoz municipal de Burela, Mario Pillado.
O BNG recolleu a profunda preocupación do sector pesqueiro polo descenso da venda de peixe e a gran caída dos prezos como consecuencia da redución da demanda, especialmente polo cesamento da actividade na hostalaría e restauración. Isto incide na redución dos ingresos, mesmo dos barcos que mantiveron a actividade por ser considerada esencial, polo que o sector reclama medidas de apoio e axudas polo lucro cesante que compensen esas perdas.
Entre as primeiras, consideran fundamental o fomento do consumo dos produtos do mar, frescos e saudábeis, unha proposta que partilla enteiramente o BNG. “É necesario que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Xunta da Galiza se comprometan a realizar campañas que favorezan o consumo de peixe fresco” apuntaba Rego.
Ademais, o deputado nacionalista solicitará ao Goberno do Estado a atención ás reclamacións do sector e especificamente as modificacións que foren necesarias para que sexan de aplicación o uso dos fondos da Unión Europea, como o FEMP (Fondo Europeo Marítimo e da Pesca), para que persoas afectadas pola crise xerada como consecuencia da emerxencia sanitaria poidan percibir axudas que lles permitan sobrevivir e garantir os seus dereitos como profesionais do mar, até que se se dean as condicións para desenvolver a actividade con normalidade.
Por outra parte, o BNG solicitará que se resolvan canto antes as dificultades actuais para o traslado de tripulacións. Tamén trasladará a petición do sector de declarar os pescadores como un colectivo sensíbel e solicitará medidas de protección e seguridade como abastecemento de tests de detección da COVID-19, “necesarios para poder embarcar con garantía e para poder realizar os relevos nas frotas que se encontran ou teñen que entrar a porto en terceiros países” explicou Rego.
“É fundamental que os barcos vaian equipados de máscaras, luvas e termómetros, ao ser material necesario para intentar garantir que non haxa contaxios nas frotas que operan en caladoiros afastados en que os tripulantes están maior tempo confinados e sen posibilidade de asistencia médica inmediata” apuntaba o deputado, que pedirá que se adopten as medidas e creación de mecanismos necesarios para garantir a asistencia médica e as repatriacións dos eventuais casos de contaxio abordo.