BNG reclamará ao MITECO rexeitar o megaproxecto eólico Xubrintas-Alamoceiros
Da Silva: “Non se entendería que o Goberno non exixise o trámite de Avaliación Ambiental e dese luz verde a este proxecto que, de verde, non ten nada”
A senadora do BNG mostra o seu apoio e o do BNG á marcha convocada para este sábado, 8 de xuño, de Sabucedo até O Peón
A organización nacionalista denuncia a estratexia das empresas que fragmentan os proxectos eólicos para “saltar” o estudo de impacto ambiental para a súa instalación
Durante a vindeira sesión de control ao Goberno na cámara alta, a senadora do BNG preguntará á Vicepresidenta Terceira e Ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico sobre o megaproxecto de parque eólico de Xubrintas-Alamaceiros na vindeira sesión de control ao executivo na cámara alta. No concreto, Carme da Silva pedirá ao Ministerio que exixa o trámite de avaliación ambiental ao megaproxecto polo seu gran impacto nos concellos pontevedreses da Estrada, Cercedo-Cotobade ou Campo Lameiro e rexeite a solicitude formulada polo grupo empresarial Atitlán Helios para a instalación destes aeroxeradores.
Os proxectos eólicos de Xubrintas -15 aeroxeradores- e Alamoceiros –de 18- suman máis de 130MW de potencia e afectarían aos concellos pontevedreses da Estrada, Cercedo-Cotobade e Campo Lameiro en case toda a súa extensión, a destacar a grave afectación en parroquias como Sabucedo, Codeseda, Souto, Quireza, etc. Mais, ademais da instalación dos 33 aeroxeradores a aceptación deste megaproxecto suporá a mobilización de maquinaria, a afectación ao entorno natural e a instalación de distintas subestación e liñas de alta tensión.
De feito, alerta a senadora do BNG, de aprobarse todos os proxectos que se pretenden instalar na zona, que actualmente se atopan en tramitación –alén destes dous proxectos presentados de forma fragmentada- instalaranse 281 aeroxeradores.
Aproveitar unha normativa “greenwashing” que favorece o espolio da Galiza
O fraccionamento artificial dun proxecto único está a ser unha estratexia empresarial moi empregada para a autorización e a instalación de megaproxectos eólicos na Galiza. A fragmentación, segundo sinala a senadora do BNG, intencionada e fraudulenta de megaproxectos como o de Xubrintas e Alamoceiros, están a xerar malestar e incluso rexeitamento entre a sociedade.
Mais esta estratexia, denuncia da Silva, vén dada pola modificación da lexislación realizada polo Goberno durante a anterior lexislatura a través dos “RD ómnibus” co gallo da guerra na Ucraína. A modificación sinala que o Ministerio será o encargado de determinar se os proxectos para a instalación de enerxías renovábeis deben ou non ser sometidos á norma de avaliación ambiental .
“Esta modificación xa foi denunciada e rexeitada polo BNG durante a súa convalidación porque abría, tal e como se está vendo, a porta a espoliar os recursos do noso país deixando os efectos negativos –contaminación, depredación- na nosa terra” lembrou a senadora nacionalista.
Solicitar a Avaliación Ambiental e rexeitar o proxecto
Durante a vindeira sesión de control ao Goberno no Senado, Carme da Silva pedirá á Ministra de Transición Ecolóxica que requira o tramite de Avaliación de Impacto Ambiental estes dous proxectos de parques eólicos. “Tan só o estudo da documentación exposta está a alertar sobre a magnitude deste macroproxecto eólico e o seu impacto na vida da veciñanza de Cercedo-Cotobade, Campo Lameiro e A Estrada, así como da flora e da fauna do seu entorno” alerta a senadora do BNG.
“Nun contexto en que a preservación e o coidado do ambiente debe ter un papel prioritario, non se entendería que o Ministerio de Transición non esixise o trámite de Avaliación de Impacto Ambiental e que dese luz verde a este proxecto” evidencia Carme da Silva.
Protección do medio e da fauna: o caso de Sabucedo
A instalación destas infraestruturas repercutirá negativamente na fauna que habita no entorno. Un exemplo alarmante é a grave afectación do sistema de vida das bestas que acoden todos os anos á Rapa das Bestas de Sabucedo, declarada en 2007 como Festa de Interese Turístico Internacional e actualmente en trámite para declaralo como Ben de Interese Cultural Inmaterial (BICI).
“Os aeroxeradores recorrerán todo o monte desde Sabucedo até o concello de Campo Lameiro, capital da arte rupestre. Suporá que todo o hábitat sexa arrasado de esquina a esquina. Non só as bestas sufrirán as consecuencias, pois neste monte convive todo un complexo ecosistema de especies absolutamente interrelacionadas co territorio” alerta a senadora do BNG.
Neste sentido, após manter unha reunión e escoitar as demandas da asociación da Rapa das Bestas, a organización nacionalista traslada o apoio a mobilización convocada para este sábado, 8 de xuño. En principio, será unha marcha desde Sabucedo até O Peón se o tempo o permite e está convocada pola Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, Asociación de Veciños de Sabucedo, Alarma na Terra de Montes, Colectivo do Vento e O Eido do Cervo.