BNG reclámalle á Xunta pagar de xeito inmediato as axudas da PAC por intervencións ambientais e climáticas de 2023
O portavoz de Medio Rural, Secundino Fernández, levou ao Parlamento unha proposición non de lei para reclamar á Xunta o pago dos expedientes de axudas relativas ás intervencións ambientais e climáticas, unhas axudas encadradas dentro do Plan estratéxico da PAC 2023-2027, e que foron aprobadas a finais de 2023.
Axudas que cualificou de fundamentais para o mantemento, viabilidade e permanencia das explotacións agrarias galegas, unhas explotacións que coidan do territorio, que manteñen a paisaxe e que son fundamentais para darlle vida ao rural e que non morra”.
O deputado levou a proposta á Comisión de Agricultura pola “grande preocupación do sector agrario que nos transmiten todos os días ao BNG” e advertiu ademais que “as labregas e labregos non entenden como a Xunta non lles paga o que é seu, o que teñen aprobado desde o 28 de decembro de 2023”, nunha data que, segundo dixo, “parece que escolleu adrede”. “O día dos inocentes para asinar a aprobación dunhas axudas e así, encima, facer burla a miles de mulleres e homes que forman o mellor do noso agro”, reprendeu.
O deputado recordou que “no ano 2023 entrou en funcionamento a PAC para o período coñecido como PEPAC 2023-2027”, e que “neste novo período, as explotacións agrogandeiras galegas tiveron a opción de solicitar axudas agroambientais, cofinanciadas nun 80% polo Fondo FEDER da Unión Europea, con compromisos por cinco anos”.
Fernández quixo chamar a atención sobre a importancia destas axudas, xa que inclúen “compromisos de cultivos sostibles, de fomento e xestión sostible de pastos, que son as máis importantes e as que máis solicitan”. As axudas tamén lles afectan á apicultura para a biodiversidade, á agricultura e á gandaría ecolóxicas, e á conservación de recursos xenéticos, as chamadas razas autóctonas en perigo de extinción”.
Estas axudas, salientou o deputado nacionalista, son moi importantes por varios motivos: “O primeiro, porque son plurianuais e por iso, quen as solicita ten que manter unha serie de compromisos ata o ano 2027” e, ademais, tamén o son “para o mantemento, viabilidade e permanencia de explotacións agrarias galegas, sobre todo as profesionais”.
O portavoz de Medio Rural destacou que “son aínda máis importantes nas zonas despoboadas e cunha gandaría extensiva”, concretamente nas zonas de montaña. Ademais, advertiu, estas axudas só teñen unha convocatoria de concesión, que é a do ano 23, o que lles afecta “negativamente aos mozos e mozas que se queiran incorporar á actividade agraria que non teñan a posibilidade destas axudas”.
De igual xeito, apelou á importancia destas axudas porque “lles afecta a todo tipo de explotacións, sexan agrícolas, gandeiras, apícolas ou mixtas, de corte tradicional, extensivo ou ecolóxicas, tanto as que preservan razas autóctonas en perigo de extinción”. Ademais, subliñou a súa relevancia económica, xa que “estamos a falar dun montante importante para a subsistencia de todo este abano de explotacións, unha cantidade que sufriu un recorte, nalgúns caso do 50%, con respecto á do ano 2022”.
Pese aos argumentos do deputado nacionalista, o PP vetou a proposición non de lei, o que lamentou Fernández porque significa votar en contra “dunhas axudas que teñen aprobadas desde o 28 de decembro de 2023” e que non son quen de abonar.