BNG reclama á Xunta a resolver as filtracións de auga nas casas afectadas por mor das obras de humanización en Arbo
A deputada do BNG, Cristina Fernández Davila, denunciou no Parlamento as filtracións de auga que están a sufrir as veciñas de Arbo por mor das obras que se están a realizar cofinanciadas pola Xunta de Galiza e o Concello. “Esta situación comeza cando a empresa Oresa está a executar unha obra de humanización, entre a rúa Vázquez Estévez e a Estrada PO400, financiada nun 70% pola Xunta de Galicia a través do Plan Hurbe”.
Unhas das primeiras actuacións da humanización consistiron en demolicións, escavacións, recheos e desbroces e con todas estas accións “algunha delas tocou algunhas vetas de auga que remataron desviándose cara á vivenda, onde hai filtracións de xeito permanente e escóitase o murmurio do decorrer da auga” salienta a deputada. “Dende o primeiro momento as donas da vivenda acudiron ao Concello que non solventa a situación e desvía a responsabilidade das continuas inundacións na propiedade”.
A deputada nacionalista tamén recalcou a pasividade do concello “escusándose en mentiras”. “Calquera persoa pode imaxinar a desesperanza que supón unha situación como esta, convivindo coa entrada de auga permanente, humidades, mobiliario e enseres desfeitos”.
O BNG presentou no Parlamento o pasado ano preguntas sobre esta cuestión e a Consellaría de Medioambiente, Territorio e Vivenda enviou contestación na que informa sobre o convenio asinado entre esta Consellaría e o Concello de Arbo para executar estas obras que afirma ter finalizado en agosto de 2023. “Esta primeira afirmación xa non concorda coa realidade, xa que nesta data as obras aínda se estaban a realizar”.
Cristina Fernández reclamou fixar un prazo para solventar o problema e unha compensación que cubra as deficiencias que mostra a vivenda e a reposición do mobiliario, electrodomésticos e enseres estropeados.