BNG reclama á Xunta a rehabilitación da capela de Oza, na Coruña, e o seu uso como espazo formativo e cultural comunitario
O BNG denuncia o estado de abandono da capela de Santa María Oza, no recinto do Campus homónimo e o espazo hospitalario do SERGAS na Coruña, e reclama a súa rehabilitación e reconversión nun espazo formativo e cultural comunitario para a veciñanza coruñesa.
A deputada pola Coruña, Mercedes Queixas, denunciou o estado de declive do inmoble, “que urxe unha actuación integral de conservación” e advertiu ao Goberno do PP que, en diferentes ocasións, a Asociación Veciñal Oza-Gaiteira-Os Castros “leva tempo reivindicando a recuperación deste espazo”, que presenta a día de hoxe paredes exteriores desconchadas, humidades, tellas soltas e suciedade acumulada ao seu redor.
A capela de Santa María de Oza, explicou a deputada coruñesa, “conta no interior con pinturas románicas e un retablo en dubidoso estado de conservación”, formando parte así dun conxunto histórico-artístico, detallou, “que vai gañando novas vidas útiles para a cidadanía”, como é o caso da Batería de Oza, do século XVII, o Faro de Oza, parte da mesma batería de defensa; o Lazareto, do XIX e o Pavillón de Colonias. Edificios recuperados polo concello da Coruña e a UDC, respectivamente, nos que a capela de Oza destaca polo seu desaproveitamento por parte da administración titular, o SERGAS, é dicir, a Xunta, ante a cal a cidadanía coruñesa “leva tempo” reivindicando o seu uso social e comunitario, argumentou.
Queixas denunciou que o mal estado desta capela xa fora trasladada en xaneiro do 2021 ao Goberno do PP, sen resposta pola súa parte, unha falta de transparencia que se repetiu hoxe en sede parlamentaria, xa que o Goberno do PP non compartiu unha evidencia que constata a veciñanza, o estado de deterioro deste ben patrimonial catalogado. Así mesmo, non aclarou que vai facer respecto do futuro deste interesante espazo nin valorou a proposta do BNG para algún tipo de convenio entre a Consellería de Cultura, o SERGAS e o Concello da Coruña que facilite o seu uso sociocomunitario.