BNG reclama á Xunta a recuperación da mediación familiar ante o incremento dos tempos de resposta xudicial
Iago Tabarés afirma que o servizo de mediación facilita o entendemento entre as partes, axiliza a solución do conflito e diminúe os custes económicos e temporais
O deputado do BNG, Iago Tabarés defendeu unha proposición non de lei para recuperar a mediación familiar ante o incremento nos tempos de resposta xudicial e afirmou que este servizo facilita “o entendemento entre as partes, axiliza a solución do conflito e diminúe os custes económicos e temporais”.
Na defensa da proposta, o nacionalista criticou os continuos anuncios da Xunta ao tempo que “deixaba de apoiar a mediación e outros sistemas de solución pacífica de conflitos”, circunstancia que provocou un incremento da carga e ralentización dos xulgados.
Na actualidade, explicou o deputado por Ourense, “ non existe convenio vixente cos colexios da avogacía, na maior parte dos xulgados de Galiza, e deixáronse de producir derivacións á mediación”. Por outra parte, lembrou que os asuntos en tramitación nos xulgados civís son un 50% superiores aos do ano 2009, e o tempo de espera por unha sentencia firme un 20% superior a respecto de hai 14 anos”.
Ao seu xuízo, a mediación alivia a carga dos xulgados, facilita a colaboración e entendemento entre as partes que en moitos casos teñen inevitablemente que seguir relacionándose no futuro, axiliza a solución dos conflitos, facilita o cumprimento das resolucións e diminúe os custes tanto emocionais e económicos como temporais.
Pola súa parte, a portavoz popular, Katherinie Vázquez Varela coincidiu en gran parte co contido da proposta nacionalista pero presentou unha emenda por considerar que é necesario instar ao Goberno central a aprobar a nova lei de eficacia procesal para seguir avanzando na mediación, emenda que o deputado do BNG non aceptou respondendo que impulsar este servizo é competencia da Xunta e a súa recuperación só depende da “vontade política do PP”.
Tabarés asegurou que en Galiza a planta xudicial non se corresponde coa realidade sobre todo, nos “xulgados de familia e capacidade, e xulgados mixtos en partidos de poboación fóra das sete grandes cidades” e apelou a mellorar o funcionamento de órganos auxiliares e complementares aos xudiciais, como o Imelga, cuxa precariedade de medios, dixo, está a “ralentizar a resposta xudicial en asuntos de especial sensibilidade”.
A realidade, explicou Tabarés e que hoxe en día, “a mediación está a niveis máis baixos que en 2011, cando se empezou a aplicar e contabilizar no ámbito familiar. No 2022 apenas se derivaron 89 asuntos, a metade que en 2021 (171), unha cuarta parte que en 2020 (363), menos dunha sexta parte que no 2019 (574) e a sétima parte que no 2018 ou 2017 (617, 766).
A Xunta, remarcou o deputado , debe “apostar pola mediación como camiño para a solución de conflitos sobre todo, no ámbito familiar”, nun ámbito no que as persoas, á marxe de relación pasadas, deben entenderse no futuro por ter intereses e obrigas comúns que precisan de solucións pactadas.
Neste sentido, reclamou un pronunciamento do Parlamento galego instando á Xunta a non abandonar e potenciar este sistema para a solución de conflitos e lamentou que os votos en contra do Partido popular impedira que prospera a iniciativa defendida polo BNG.