BNG reclama á Xunta que reforce o control dos barcos de recreo na ría de Aldán ante a baixada da calidade das augas
O BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego que reforce o control das embarcacións recreativas na ría de Aldán -en número, zona e tempo nos que permanecen fondeadas- e que extreme a atención cara as condicións nas que se atopan os diferentes bancos marisqueiros e zonas de traballo, co fin de atallar a baixada na calidade das augas que está a poñer en risco ao sector do mar, tan golpeado pola crise da COVID19.
Así o manifestou o deputado nacionalista Paulo Ríos nunha pregunta na comisión parlamentaria de Pesca, onde advertiu que as e os profesionais do sector no porto de Aldán, no concello de Cangas, veñen detectando ao logo dos anos diferentes irregularidades, como vertidos de fecais ás augas da ría “que fan perigar a catalogación de zona A para as zonas de marisqueo, con gran prexuízo que implicaría para as e os mariscadores e distintos produtores do sector”.
Logo de lembrar que nestas zonas de traballo e bancos marisqueiros traballan preto de 50 persoas en diferentes plans específicos mediante diferentes artes e tipos de capturas, a incidencia da actividade das embarcacións de recreo provoca que cada ano, algunha destas zonas pasan da catalogación A a unha catalogación B estacional, “o que vai en contra dos intereses do sector que -segundo recalcou- explota esa zona durante todo o ano, pero tamén xoga en contra das posíbeis consumidoras”.
“Na ría de Aldán a presenza de ducias de embarcacións recreativas sen ningún tipo de control sobre os seus fondeadoiros e cumprimento das condicións sanitarias das mesmas é un problema que se vén repetindo e agravando ano tras ano”, explicou, para a continuación subliñar que hai buques que “están durante semanas fondeados en zonas habituais de traballo, impedindo o mesmo, e que non se cumpra coa normativa vixente sobre seguridade marítima e o baleirado de augas negras e grises derivadas do uso diario dxs seus ocupantes”.
Ríos apelou ao control da Xunta, dado que a situación, “lonxe de ser unha anécdota”, obriga a que, en moitos casos, “sexan os propios mariñeiros os que proceden á limpeza da zona e mesmo a tentar, sen éxito, disuadir ás usuarias deste tipo de embarcacións de tirar lixo ou baleirar as súas augas negras de xeito irregular”.
O deputado nacionalista incidiu na gran riqueza desta zona para a extracción de marisco e, en consecuencia, o seu impacto en termos socioeconómicos e de emprego para o concello de Cangas, polo que pediu ao Goberno galego que poña en valor os sectores produtivos. “Non deixemos que os nosos portos e o noso mar padeza este tipo de situacións mentres a Administración galega mira para outro lado”, concluíu.