BNG reclama á Xunta que rectifique e actúe para protexer o Deza ante a “chapuza” da escada de peixes no río
O BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego que rectifique e actúe para protexer o río Deza, “e polo tanto o interese xeral” na vez de “encubrir á empresa concesionaria” do actual aproveitamento hidroeléctrico, logo da “chapuza” da escada de peixes na presa de Saídres e que, segundo salientou, “non arranxa absolutamente nada e é totalmente inoperativa para especies coma o salmón, que chegan ata o pé do encoro, cando podían e debían chegar ata arriba do río”.
Prado describiu os graves fallos de deseño na estrutura e que a fai inservible para o obxectivo co que supostamente foi construída e que pasa por facilitar que especies migradoras como os salmónidos poidan acceder ás cabeceiras do río para desovar. “Cada unha das bañeiras que conforman cada nivel son moi curtas; tecnicamente deberían ser de 3 veces máis do tamaño do peixe, co cal debería ter entre 2 ou 3 metros”, explicou amosando diversas imaxes que evidencian as eivas da construción. “Un salmón, pode chegar ate o metro, polo que tería que ser de case 3 metros, e sen embargo son inferiores ao metro. Para troitas adultas, que poden chegar ao medio metro, pois precisaría dun mínimo de 1.5 metros”, afondou.
En segundo lugar, a deputada nacionalista advertiu que o fluxo de caída da auga, é dicir, a corrente que crea a caída, “tería que ser o suficiente para crear un efecto de chamada e ser aproveitado para facer o impulso”. “De non ser así, os peixes, tratarán de pasar, pero terán moitas dificultades, poderán levar moitos golpes, e non lograrán pasar. De feito, para o primeiro salto-paso, deseñouse dun modo que os peixes teñen que orientarse facendo unha auténtica filigrana”, afondou. Ao seu xuízo, este proxecto non debeu aprobarse do modo no que está autorizado: “fallou a supervisión e agora atopámonos cunha escala inoperativa, ademais de introducir outro ‘mamotreto’ de cemento no río”.
A deputada nacionalista considerou sorprendente que a escada se realice “xusto cando está a punto de rematar a concesión do aproveitamento hidroeléctrico”, cando tería que ter sido construída hai máis de 20 anos, “porque é unha dotación que debe ir acompañada da concesión do aproveitamento hidráulico, para que esta non significara a barreira infranqueable que supón a central”. Igualmente sorprendente cualificou que se realice agora pese a ter “varias sentenzas dende hai máis dunha década que obrigaban á concesionaria a construír a escala de salmónidos e que nunca a executou” e porque a autorización para a realización da mesma é de hai case tres anos, concretamente de febreiro 2019.
Neste contexto, indicou que “todo fai sospeitar que esta obra non é outra cousa máis que a xustificación para conseguir a prórroga da concesión” e ante o que tildou dun “abuso continuado ao longo dos anos pola conivencia do PP coas empresas eléctricas”, censurou que, unha vez máis “vemos como que en vez de obrigalas a cumprir, a Xunta mirou para outro lado no pasado e mira para outro lado no presente; igual que mira para outro lado diante dos continuos vertidos que sofren os ríos Arneiro e o Deza”.
Por iso, considerou obrigado que o Goberno galego explique o por que da realización das obras nestes momentos, se cumpren a normativa vixente de pesca fluvial, se hai realizados e aprobados estudos de impacto ambiental e todas as autorizacións que obriga a lexislación, así como si se teñen feito inspeccións e o resultado das mesmas. Así pois, a iniciativa nacionalista defendida na comisión parlamentaria de Medio Ambiente, insta á Xunta a comprobar a legalidade das obras da escada no río Deza, nun tramo que discorre entre os concellos de Vila de Cruces e Silleda; a abrir os expedientes sancionadores que correspondan, se as mesmas non se axustan á legalidade, e a presentar un informe tanto coa xustificación da construción desta infraestrutura xusto cando vai rematar a concesión, como coas consecuencias de non terse mantido o caudal ecolóxico en longos períodos.
Prado recalcou que o BNG, “ao igual que unha boa parte da veciñanza”, considera que unha vez remate a concesión, o Deza debe quedar libre de presas que impidan a libre circulación dos peixes e o desove dos salmónidos nas Trigueiras, polo que na súa proposición non de lei tamén emprazou ao Executivo galego a realizar todas as actuacións precisas para non proceder á renovación da actual concesión para o aproveitamento hidroeléctrico no Deza, unha vez remate a que está en vigor e esixíndolle á concesionaria a restauración da situación orixinal.
“Queda en evidencia que nesta actuación prima o interese ante todo de renovar a concesión e a escala faríase de modo precipitado para tentar xustificar unha correcta actuación da concesionaria”, reprobou, polo que concluíu a súa intervención reclamando á Xunta que “rectifique e actúe para deixe de encubrir á empresa e pase a protexer o río e, polo tanto, o interese xeral”. A iniciativa nacionalista non prosperou polo veto do PP.