BNG reclama á Xunta que preste apoio no xulgado ás mulleres vítimas de abusos sexuais por un médico en Padrón
Montserrat Prado recrimina ao Sergas que as deixara sen amparo cando denunciaron, non trasladase os feitos á Fiscalía e mantivese ao facultativo
Propón a posta en marcha dun protocolo para actuar de xeito inmediato
A portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, reclamou no Parlamento ao conselleiro de Sanidade que o Sergas se poña do lado das mulleres que denunciaron ser vítimas de abusos sexuais por parte dun médico en Padrón “acudindo con elas ao xulgado e apoiándoas” e se comprometa a tomar as medidas necesarias para “que algo tan desprezable coma isto nin quede impune, nin se volva repetir”.
Nunha pregunta en pleno parlamentario, Prado esixiu explicacións ao titular de Sanidade pola “falta de amparo” do seu departamento ás vítimas, logo de ter coñecemento dos feitos dende 2019 a través das queixas das propias afectadas.
“As propias vítimas manifestaron que se sentiran abandonadas pola consellería, que tiveron que acudir ao xulgado para que vostedes actuaran e que mesmo unha delas tivo que facer público nas redes sociais o que estaban acontecendo e vostede di que non hai falta de amparo?”, recriminou ao conselleiro logo da súa resposta.
Ademais de recalcar que “non hai absolutamente ningunha xustificación para non ter actuado de inmediato e ter posto os feitos en coñecemento da Fiscalía”, a deputada nacionalista reprobou ao Sergas que non tivera apartado de inmediato ao facultativo e que o mantivera máis dun ano na súa consulta.
Para o BNG resulta “inaceptable esta pasividade, encubrimento e ocultación” diante da gravidade duns feitos que a súa portavoz de Sanidade foi repasando cos relatos das propias vítimas e cuxas “testemuñas -incidiu- poñen os pelos de punta”.
Prado pediu ao conselleiro que admitira, “por unha vez”, a mala actuación do seu departamento e reclamoulle que tome medidas inmediatas para que “isto non volva acontecer” e, neste sentido, propuxo a posta en marcha dun protocolo que permita unha actuación inmediata e a toma de medidas cautelares no futuro ante posibles casos similares “para non agardar a un expediente disciplinario que non sabemos nin sequera en que fase está porque nin sequera llo comunicaron á xunta de persoal”.
A deputada nacionalista tamén esixiu, por último, a aclaración transparente de todas as accións realizadas polo Sergas ante uns feitos de estrema gravidade que supoñen “abuso de poder e violencia de xénero nunha situación de tanta vulnerabilidade como cando unha muller precisa atención sanitaria”.