BNG reclama á Xunta que incremente o persoal e amplíe o horario do centro de saúde de Novo Mesoiro na Coruña
BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego que incremente o persoal sanitario e administrativo do centro de saúde de Novo Mesoiro na Coruña e amplíe o seu horario para establecer unha quenda de atención a doentes pola tarde, dado que na actualidade só presta servizo en horario matutino.
Nunha pregunta na comisión parlamentaria de Sanidade, a deputada nacionalista pola Coruña, Mercedes Queixas, advertiu de que, mentres segue medrando a poboación que debe atender o centro, este continúa coa mesma dotación de 2011, ampliada en 2017 só cun segundo pediatra, reforzo neste servizo concreto que continúa a ser insuficiente xa que non está garantida a súa substitución nos períodos de vacacións e baixas.
Neste sentido, Queixas recordou que é a propia veciñanza a que está a denunciar que, pese a ser un barrio cun dos maiores índices de nacemento de toda Galiza e con máis nenxs en idade escolar da Coruña, carece de cupo pediatría suficiente e as familias mesmo renuncian a censarse en Novo Mesoiro por esta razón. “Hai nenos e nenas, por poñer exemplos, censadas unha en Abente e Lago e outra en Matogrande”, exemplificou para evidenciar a incapacidade do centro para dar cobertura á poboación flotante.
Así mesmo, tamén alertou sobre os problemas de acceso a consulta coa matrona, dado que só atende martes e xoves porque é compartida con outro centro de saúde. “Pedir cita onte, 26 de maio, supón obtela para o día 3 de xuño ou o 8 de xuño”, reprobou. De igual xeito, cuestionou que para calquera servizo, só se preste atención sanitaria en horario de mañá e con dificultade de acceso a citas telefónicas, dado o insuficiente persoal tamén na área administrativa.
Da resposta facilitada polo director xeral de Asistencia Sanitaria, a deputada nacionalista deduciu que “polo que di, parece que a veciñanza de Novo Mesoiro ten que se conformar co que hai”, para engadir a continuación que o deste centro de saúde é un exemplo representativo do proceso de abandono da Atención Primaria en Galiza.
“Urxe un plan de Atención Primaria que planifique as necesidades do país cun orzamento que garanta recursos humanos e infraestruturais para unha asistencia sanitaria de calidade”, reclamou, logo de subliñar que existe un problema estrutural de primeira magnitude que cómpre abranguer para ir máis aló de solucións provisionais e ocasionais. “A xestión da sanidade en pandemia ten que se aproveitar para iniciar un cambio de rumbo que fortaleza o sistema”, concluíu.