BNG reclama á Xunta que garanta o cobro dos salarios aos traballadores de seguridade dos hospitais de Valdeorras e Verín
BNG urxiu á Xunta no Parlamento galego a actuar para garantir o cobro dos seus salarios ás e aos traballadores do servizo de seguridade dos hospitais públicos de Valdeorras e Verín.
Nunha pregunta parlamentaria, que foi rexistrada hai 45 días, cando a empresa Mersant Seguridade debía unha mensualidade ao cadro de persoal de ámbolos dous centros hospitalarios, a deputada María Albert advertiu que, a día de hoxe, no que a pregunta do BNG chega a pleno parlamentario, “xa son tres as mensualidades debidas”, o que cualificou de “insustentábel para calquera familia traballadora nunha situación normal”, pero que co contexto de inflación e suba de prezos xeneralizada como a que estamos a vivir “vólvese dramática”.
Albert criticou ao Goberno do PP que en todo este tempo non fixera “nada” ao respecto, “desentendéndose do problema” e “dando largas ao persoal do servizo emprazándoo a que emprenda futuras reclamacións xudiciais” e advertiu ao conselleiro de Sanidade que “chove sobre mollado nesta problemática en Valdeorras e Verín”.
Neste sentido, recordou que o anterior contrato de seguridade xa tivo que ser xudicializado polos traballadores tras cinco meses sen cobrar “sen que a Xunta dese solucións” e que ditos procesos xudiciais remataron coa condena á empresa e ao Sergas, que foi declarado responsable subsidiario.
“Estamos a falar de febreiro de 2021 e vostedes non comezaron a aboar o que mandaba a sentenza ata novembro: nove meses agardando a que vostedes pagasen!”, recriminou, para engadir a continuación que, ademais, o Servizo Galego de Saúde só abonou dous terzos do montante total da débeda e que “tivo que recibir un requirimento do xuíz para que pagasen o 100% da mesma que, por certo, aínda non recibiron os traballadores”.
Logo de recalcar que son 10 familias as afectadas “pola complicidade do Sergas con esta empresa pirata”, a deputada nacionalista asegurou que o mínimo que se lle pode pedir ao Servizo Galego de Saúde “é que contrate con empresas solventes que xestionen de xeito eficiente os servizos que se lles encargan” e que, polo contrario, “gasta recursos públicos en pagar a empresas amigas e en salarios que elas non abonan”.
Neste sentido e despois de reclamar á Xunta que se faga cargo do diñeiro que se lle debe ás e aos traballadores, Albert recordou que Mersant leva na lista de empresas morosas de Facenda dende agosto de 2021 e que xa foi sancionada por falta moi grave en decembro pasado por retrasos no pagamento. “E vostedes agardaron a hoxe para levar ao xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) a Valdeorras a anunciar, se temos que crer na súa palabra, que o contrato está resolto”, censurou.
Ao seu xuízo, e dado que non é a primeira vez que isto acontece, o que debe facer a Consellería de Sanidade é “garantir os dereitos laborais das e dos seus traballadores fundamentais facéndose cargo directamente deste servizo” e rematando co que definiu como “ciclo sen fin de contratacións a empresas piratas”. “Porque mentres vostedes seguen a regalar diñeiro a empresas amigas, 10 familias seguen sen recibir o salario que gañaron honradamente co seu traballo”, concluíu.