BNG reclama á Xunta que exixa á Universidade de Abanca que cumpra a lexislación lingüística galega ou lle retire a autorización
BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego que exixa á Universidade Intercontinental da Empresa (UIE), impulsada por Abanca, que cumpra coa lexislación lingüística do noso País, garanta os dereitos do alumnado galegofalante e cese na súa actitude discriminatoria, diglósica e prexuízosa contra o galego. A través desta iniciativa, o portavoz nacionalista de Educación, Manuel Lourenzo, demandou tamén ao Goberno galego que inicie o expediente de retirada de autorización á UIE, no caso de continuar coa súa política de discriminación, prexuízos contra o galego e diglosia.
Lourenzo censurou o anuncio do propio reitor da UIE, Miguel Ángel Escotet, de que “o galego, a lingua propia de Galiza, non será lingua vehicular nunha universidade privada de Galiza” porque, segundo recriminou, “como todo o mundo sabe, na diversidade do mundo caben todas as linguas menos o galego”.
Logo de recordar que o Executivo de Feixóo lle puxera “unha alfombra vermella” ao presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, para tramitar un proxecto de lei que habilitaba a creación desta universidade privada, “contestado sen excepción por toda a comunidade universitaria”, o deputado nacionalista advertiu que a Lei de Normalización Lingüística establece que “o Goberno galego e as autoridades universitarias arbitrarán as medidas oportunas para facer normal o uso do galego no ensino universitario” e tamén que “nas escolas universitarias e demais centros de formación do profesorado será obrigatorio o estudio da lingua galega e o seu alumnado deberá adquirir a capacitación necesaria para facer efectivos os dereitos que se amparan na presente lei”.
“Estase a cumprir isto?”, cuestionou con severidade, para a continuación facer evidente que non “porque vostedes están a permitirlles a estes señores que pasen por riba dos dereitos lingüísticos de todas e todos os galegos”. “Porque neste País, Escotet está por riba da lei: para montar este chiringuito clasistas, elitista e galegófobo; para desprezar a lingua galega; para regalarlle o aforro galego e a xestión dos fondos Next Generation; para pagarlle por quitar caixeiros do rural; para expulsar o galego da universidade”, recriminou.
Neste sentido, recordou ao PP o seu veto á emenda do BNG durante a tramitación da lei de creación desta universidade privada para condicionar o inicio da súa actividade á presentación dun plan de promoción da lingua galega que garantira a presenza do galego en cando menos a metade da súa actividade lectiva, documental, docente, investigadora ou en calquera outro eido universitario. “Isto para vostedes, exixirlles que cumpriran a mesma lexislación que cumpren as universidades públicas, era imposición; que o seu reitor diga agora que alí o galego, nin cheiralo, iso, é a súa liberdade”, reprobou.
Para o portavoz de Educación, o comportamento do PP no goberno é “absolutamente intolerable”, algo que non acontecería “en ningún país normal; que cree nas súas posibilidades, no seu potencial económico, social e cultural, que aposte pola súa lingua e non estea supeditado ao que lle manden en Madrid, ao que lle mande Pablo Casado ou a FAES” e, neste sentido, exemplificou co caso de Euskadi, -“gobernado polo señor Urkullo ao que vostedes consideran unha referencia en moitas cousas”, ironizou-, onde no seu proxecto de lei de universidade privada, incluíu como obriga a defensa, estudio e promoción do patrimonio cultural vasco en xeral e do euskera en particular.
Durante o debate da iniciativa na comisión parlamentaria de Educación e ante o voto en contra do PP, Lourenzo resumiu con contundencia a posición do partido no goberno: “vostedes veñen de afirmar que a universidade de Escotet respecta a lexislación lingüística porque permite o galego fóra das clases! Penso que os axentes de normalización lingüística deste País deben ser conscientes de que ese é o papel que vén defender o PP”.
“Esa é a súa Galiza en pequeno, unha Galiza de saldo, na que mandan Abanca, Iberdrola, Endesa ou o Opus Dei, porque son vostedes os que financian centros que separan os nenos das nenas, si”, censurou, para concluír a continuación que “esa non é a Galiza que nós queremos; queremos unha Galiza plural, diversa, con confianza en si mesma, sen límites e orgullosa de amosarlle ao mundo o que somos”.