BNG reclama á Xunta que esixa á firma propietaria da mina de Touro o plan de restauración definitivo para recuperar os terreos
BNG reclamou á Xunta no pleno do Parlamento galego que esixa á empresa propietaria dos terreos da mina de Touro o plan de restauración definitivo que deberá contemplar a restauración dos terreos coa adaptación á morfoloxía da contorna, a solución á contaminación das augas subterráneas, superficiais e dos regatos das bacías do Brandelos e do Lañas, así como o control dos depósitos de tecnosolos e outros residuos que se acumulan por diferentes zonas da mina e a solución aos problemas de pestilencia que xera a xestión destes residuos e que realiza a empresa TEN.
Así o esixiu nunha pregunta parlamentaria o portavoz nacionalista de Agricultura, Mini Rivas, quen lembrou que o pasado mes de febreiro cumpríase un ano do anuncio da denegación da autorización ambiental ao proxecto mineiro de Atalaya Mining para a mina, ao tempo que a Xunta avanzaba que se lle ía esixir á empresa un plan de restauración actualizado.
“Era ano electoral e comezaba a representación teatral”, ironizou, para a continuación recriminar ao Executivo de Núñez Feixóo que, logo da solicitude de investigación sobre a contaminación da mina trasladada pola portavoz nacionalista en Europa, Ana Miranda, ao Parlamento Europeo e que foi aceptada pola maioría dos grupos con representación na cámara comunitaria, “o Goberno galego envía a solicitude de peche desa investigación”.
Rivas mostrou as súas reservas sobre o papel da Xunta nesta explotación xa que, segundo recalcou, “nada sabemos de ningún plan de restauración e si dunha forte ofensiva propagandística dun novo-vello proxecto mineiro”. “Será agora dabondo a segunda versión da lei de depredación ou van precisar dunha terceira?”, cuestionou con severidade sobre os plans do Goberno do PP.
Neste sentido, advertiu de que as 600 hectáreas da explotación non só conservan activa a contaminación propia da actividade mineira truncada en 1986, senón que, na actualidade, “serven de depósito a toda caste de refugallos de moi diversa natureza como se pode apreciar na bacía do Brandelos”, e alertou de que ese espazo posúe extremófilos, segundo explicou, bacterias que se adaptan a condicións extremas de acidez e contaminación.
“Como non foron quen de facer cumprir a legalidade e non fixeron ningún movemento para que a empresa presentase un plan de restauración, pensamos que se aparece de novo o proxecto con outra maquillaxe pero co mesmo cute, vostedes non nos ofrecen confianza e teremos que saírmos de novo coa pancarta a cometer a ilegalidade de reclamar o que é de lei”, concluíu.