BNG reclama á Xunta que denegue autorización a eólicos que atenten contra os Penedos de Pasarela e Traba na Costa da Morte
BNG defendeu no Parlamento galego unha proposición non de lei para instar á Xunta a paralizar cautelarmente e denegar as autorizacións das infraestruturas e instalacións industriais que atenten contra os valores naturais, estéticos ou culturais dos Penedos de Pasarela e Traba (situados nos concellos de Vimianzo e Laxe, no corazón da Costa da Morte), así como aqueles que poñan en perigo o seu aproveitamento turístico sustentábel, nomeadamente no caso de parques eólicos previstos na contorna ou nas proximidades desta paisaxe protexida.
O deputado nacionalista Daniel Pérez recriminou ao PP o seu voto en contra desta iniciativa, dado a importancia xeolóxica destes “auténticos monumentos naturais”, declarados como paisaxe protexida en 2009, e a súa importancia turística para o conxunto da comarca. “Ninguén entendería a autorización da Xunta a dous proxectos eólicos nunha zona recoñecida como paisaxe protexida, nin na zona, nin a 100 metros, porque o dano sería irreparábel”, reprochou, en alusión aos proxectos eólicos denominados “Monte Chan” e “Pena dos Mouros”, que prevén a instalación de nove aeroxeradores, dous deles “moi preto da Cachucha e da Torre da Moa, míticos penedos do conxunto.
Pérez advertiu que, por riba, o eólico denominado Pena dos Mouros afectaría ademais visualmente á zona protexida dos penedos, incumprindo deste xeito o Real Decreto 294/2008, e afectaría gravemente á chamada Ruta dos Penedos do Piñeo, que bordea a costa de Pasarela (en Vimianzo) a Mórdomo (en Laxe), pasando por Camelle (en Camariñas).
A isto sumou o impacto que sufriría de igual xeito o Camiño dos Faros, sobre o que aproveitou para recordar que a súa problemática propia segue en stand by por parte da Xunta, un ano e medio despois de aprobar por unanimidade a constitución dunha mesa con todos os implicados para desbloquear o problema, pero sen que o Goberno do PP fixera ata o de agora absolutamente nada.
Logo de lembrar a forte contestación social tanto da veciñanza como da plataforma Salvemos Os Pendos, o deputado do Bloque insistiu en que a instalación dun só dos areoxeradores na área protexida dos Penedos ou na súa contorna provocaría un dano irreparábel ao conxunto da paisaxe e “suporía finiquitar a cambio de 30 moedas e para sempre toda a beleza e potencial da zona”. “Sobran os motivos para denegar as autorizacións: lexislativos, porque estes proxectos incumpren o decreto 238/2020 da Consellería de Medio Ambiente; científicos e económicos”, resumiu, para concluír a continuación que este é un exemplo máis do “modelo eólico depredador e ao servizo do oligopolio eléctrico” do PP e que urxe cambiar por un modelo sustentable, respectuoso co medio, co territorio e coas persoas e que permita xerar emprego e riqueza no País.