BNG reclama á Xunta que corrixa as deficiencias nas axudas aos danos ocasionados polo xabaril nos cultivos agrícolas
O portavoz nacionalista de Agricultura, Xosé Luís Rivas, reclamou á Xunta no Parlamento que corrixa as deficiencias da orde de axudas para paliar os danos ocasionados polo xabaril nos cultivos agrícolas e que, segundo sinalou, contén especificidades que non teñen en conta a realidade do campo e do rural do País.
Así, nunha pregunta na comisión parlamentaria de Agricultura, Rivas advertiu das dificultades que se dan nas explotacións de autoconsumo para acceder ás axudas, nomeadamente á hora de xustificar a súa titularidade. “Cando unha persoa a quen o cocho bravo acaba de estragar un cultivo, como demostra ser o dono do cultivo en cuestión? E no caso de que a terra onde o seu cultivo sufra danos non sexa da súa propiedade, senón dunha parcela cedida por un veciño, quen ten dereito a recibir a axuda? Que é obxecto de axuda: o cultivo ou a parcela?”, cuestionou.
A este caso sumou tamén outros, como o das empresas que teñen cultivos danados polo xabaril, pero que contan cun “arrendamento de palabra” -unha realidade que, segundo advertiu, “acabala sobre as exiguas pensións de xubilación da agraria, onde os arrendamentos diante notario son escasísimos”- ou aquelas outras con compromisos de entrega á distribución ou á industria, pero que sufriron estragos que superan con creces o tope establecido. “Que fai? Pecha?”, incidiu.
De igual xeito, o deputado do BNG cuestionou a pouca idoneidade do servizo telefónico 012 para atender ás persoas afectadas nos seus cultivos por ataques de porco bravo e no que teñen que comunicalos no prazo máximo de tres días e en horario hábil, cando este teléfono acumula unha importante saturación e conta cun servizo automático de dous minutos no que se ofrece un abano de posibilidades de conexión con arredor de 16 opcións, “entre elas unha que se refire a queimas, agro e aviso de velutina, pero que non especifica nin comunicado de ataques de xabaril, nin de lobo”.
Rivas criticou así que o Goberno galego non contemple a realidade do envellecemento poboacional no rural, “a realidade dunha persoa envellecida cun móbil na man enfrontada a unha máquina falante que non razoa”. Por iso, defendeu a posta en marcha dun teléfono específico, cun par de persoas atendendo e tomando os datos “competentemente”, xa que, segundo recalcou, as dificultades sinaladas que entraña a atención a través do 012 actúan “habitualmente como elemento disuasorio”, polo que “se non hai avisos, non hai problema”, reprochou.
Neste sentido, advertiu que isto supón que o 012 estea consignando poucas incidencias coas que se elaboran unhas densidades falsas, cando, na realidade, estamos diante dun problema que está a causar cuantiosos danos á agricultura, incrementando a inseguridade viaria e alterando o equilibrio medioambiental, pero que o Goberno do PP obvia “ollando para outro lado”.
Así mesmo, apuntou que a orde da Consellería do Medio Rural recolle un cadro coas valoracións por metro cadrado dos cultivos obxecto de axuda, que non inclúe un bo número de hortalizas habituais tanto na horta de autoconsumo como na ecolóxica e entre as que citou col de bruxelas, patacas, morangos, chícharos, tirabeques, ou cultivos forraxeiros para gando como a alfalfa, a veza ou a colza.
Por último, o deputado nacionalista recriminou ao Executivo a ausencia dun Plan de Xestión do Xabaril, “prometido, encargado e ata orzamentado varias veces pero do que nada se sabe”, e que limite a súa política de control poboacional do xabaril “á actividade cinexética deportiva e á clandestina de escopeta e lazo, nada acorde cos tempos e cos medios que dispoñemos hoxe”. “Si, porque as e os afectados tentan poñer remedio aos danos causados pola desidia e incompetencia dunha consellería que nada parece ter a ver co rural”, concluíu.