BNG reclama á Xunta que axilice a resolución das axudas aos concellos que se convocaron a primeiros de ano e aínda comezou a adxudicar hai tan só unha semana
O BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego que axilice a resolución de distintas ordes de axudas convocadas a primeiros de ano (algunha, mesmo o pasado mes de decembro) e que a maior parte delas aínda comezou a adxudicar a semana pasada.
O portavoz nacionalista de Emprego e Turismo, Daniel Pérez, referiuse así ás liñas destinadas á mellora de infraestruturas dos parques empresariais; á creación ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais; á empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais e á contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social, así como ás destinadas tanto ás actuacións en reservas da biosfera como as correspondentes ao Plan Marco 2022-2023 para mellorar os camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas.
Pérez indicou que se ben este ano, e a diferenza do anterior, estas subvencións foron convocadas nos prazos habituais, sen embargo, sufriron retrasos de meses na súa resolución o que impide a correcta organización e planificación das entidades locais que descoñeceron ata agora se contaban ou non coas axudas e aínda poderán comezar agora, no mes de xuño, os procedementos necesarios para proceder ás súas contratacións, tanto de persoal como de obras, e, nos casos que sexa preciso, á elaboración de proxectos.
Neste sentido, recordou que boa parte dos municipios galegos xa arrastran problemas coas súas respectivas facendas dende a pandemia, cando se viron obrigados pola deixación da Xunta a asumir competencias que non lle eran propias e, polo tanto, recorrer aos seus propios fondos, para afrontar o impacto da COVID19.
“E agora, en plena crise, e cando boa parte destas axudas están concibidas precisamente para aliviar a tesourería dos concellos, o Goberno galego é incapaz de actuar coa celeridade que esixe o actual contexto económico”, reprochou, para engadir a continuación que o Executivo do PP perdeu “varios meses coa espantada do señor Feixóo a Madrid, tempo no que a Administración galega estivo nunha situación de letargo do que isto é un bo exemplo”.
O deputado do Bloque tamén se referiu ás axudas destinadas aos concellos declarados municipios turísticos e a xeodestinos de Galiza para a contratación de persoal nas oficinas de turismo durante o período estival, dúas liñas de subvencións que aínda seguen sen convocar na metade xa do mes de xuño. Segundo recalcou, isto resulta incomprensible tendo en conta que, ademais, este 2022 segue sendo ano xacobeo e estas axudas están dirixidas á promoción de destinos turísticos a novel local.
Do debate en comisión parlamentaria, Pérez concluíu, tal e como dixo que “xa se intuía” previamente, a confirmación do PP de que concretamente as subvencións destinadas aos xeodestinos non serán finalmente convocadas e, neste sentido, concluíu advertido á Xunta que o Plan Camiña “non é a solución para todo”.