BNG reclama á Xunta que abandone “a autocompracencia e a fase de análise” e ofreza xa solucións reais á Atención Primaria
BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego que abandone a súa “pasividade e autocomplacencia” e poña solución á grave situación na que se atopa a Atención Primaria. “A fase de análise, de diagnose da situación está máis que rematada, xa todo o mundo sabe cal é o problema, o que hai é que poñer solucións”, demandou a portavoz parlamentaria de Sanidade, Montserrat Prado, quen pediu ao Goberno galego que atenda “as propostas que lle teñen traslado as e os profesionais, a empezar polos máis de 200 que teñen traballando no Consello Técnico”.
Nunha pregunta parlamentaria, Prado advertiu unha vez máis ante a comisión parlamentaria de Sanidade que os graves problemas no primeiro nivel da atención sanitaria persisten, con semanas para conseguir cita, mesmo telefónica, colas de doentes agardando e unha atención presencial insuficiente. “Diante desta situación e lonxe de poñer medidas enriba da mesa, o que fai o PP é demandarlle máis e máis esforzo ás e aos profesionais, que están ao límite e levan dado de si máis do que sería razoable”, reprobou.
Neste sentido, pediu ao Executivo de Feixóo que deixe de “botar balóns fóra e de buscar responsabilidades fóra” e se poña a facer o que si depende dela. Así, reclamou que desenvolva con urxencia un plan de recursos humanos para rematar coa política de precariedade e explotación na contratación, ofertando contratos dignos para evitar que sigan marchando profesionais “fóra ou cara á privada”. “Por que creen vostedes que o 60% dos profesionais que acaban o MIR na especialidade de Medicina Familiar non quedan na Atención Primaria?”, cuestionou.
De igual xeito, instou ao Goberno galego a incorporar as categorías imprescindibles para prestar unha atención integral que permita descolapsar as listas de espera, con persoal de psicoloxía clínica, terapia ocupacional, traballo social, logopedia ou podoloxía, e a pór en marcha a carteira de servizos de todas as categorías (entre as que citou as de enfermería, fisioterapia, psicoloxía ou “as matronas”), o que posibilitaría que “poidan ter axenda propia e todas estas cuestións non teñan que pasar polo médico de cabeceira mellorando así a calidade asistencial”.
“Hai moitas medidas que están na súa man, que poderían poñer en marcha e que solucionarían unha parte importante no curto prazo”, afirmou a deputada nacionalista, para engadir a continuación que “evidentemente, logo hai que desenvolver actuacións no medio e no longo prazo”. “Deixen de marear a perdiz, de facer diagnose e visitas e escoiten ás e aos profesionais e ao conxunto da cidadanía, porque se hai un consenso neste país é que a Atención Primaria non está dando resposta ás necesidades dos galegos e as galegas”, concluíu.