Parlamento Galego

BNG reclama á Xunta do PP que asuma o mantemento e coidado de todos os espazos portuarios no concello de Bueu

Paulo Ríos

Paulo Ríos defendeu no Parlamento o abono á administración local dos custos de conservación e mantemento asumidos por esta desde o ano 2022  

O BNG reclamou no Parlamento que a Xunta do PP asuma o mantemento e coidado de todos os espazos portuarios no concello de Bueu e que lle abone ademais os custos asumidos desde o ano 2022 polo seu mantemento e conservación, que “non lle corresponde”, que é “totalmente impropia" e que  Portos de Galiza “leva anos sen preocuparse absolutamente de nada”.

Así o defendeu o deputado do Morrazo, Paulo Ríos,  na Comisión de Pesca deste martes, a través dunha proposición non de lei que foi rexeitada cos votos en contra do PP. 

Ríos afirmou que “é un negocio redondo” porque non só é competencia de Portos de Galiza pero o concello ten que pagar senón que, cando o concello quere facer algo neses terreos polos que xa está pagando o mantemento e conservación, tamén lle ten que pagar, subliñou.

Na iniciativa, o BNG explicaba que en 2023 o Concello de Bueu tivo que facer fronte a liquidacións de Portos de Galiza de máis de 32.000 euros no referido a espazos sen uso portuario, como o entorno do Centro Social e da Praza de Abastos, o mercadiño ou as taxas por autorizacións para probas deportivas. Ademais, o concello tivo que asumir os custos anuais de podas e enerxía eléctrica que se reclamaron no ano 2020.

O deputado nacionalista fixo fincapé no caso concreto do espazo peonil da Banda do Río, polo que Portos de Galiza obrigou ao Concello a solicitar autorización para levar a cabo o corte da rúa Montero Ríos durante a temporada estival, algo que ata o ano 2022 non se facía porque se mantivera unha situación que se veu repetindo todos os anos desde hai trinta anos. Malia a todo, esa práctica habitual non foi tomada en conta por Portos de Galiza, obrigando ao concello a pagar 14.799 euros cada ano por ese corte da rúa durante tres meses no verán.

“Son cantidades obscenas”, asegurou, que o concello vén asumindo desde o ano 2006, data na que rematou o convenio que mantiña o Concello de Bueu con Portos de Galiza  e que regulaban os usos e as competencias do mantemento e conservación dos espazos portuarios.

“Non se negociou ningún outro convenio que regule usos”, recordou, para acusar o Executivo de Rueda de “non asumir ningunha competencia” e de “machacar” e “sablear” os concellos”.

“Vostedes non moveron un dedo por repoñer un firme, por podar, por cambiar un punto de luz ou por poñer os terreos en condicións”, exemplificou, para preguntarlle ao PP se “van pretender que o Concello asuma eses terreos en condicións lamentables que vostedes non quixeron atender estes anos”.

Ríos esixiulle ao PP responsabilidade porque “teñen vostedes a titularidade e as competencias, non se poden desentender e simplemente estar para recadar”.

“Vostedes teñen claro a quen beneficiar e desgraciadamente nunca son os concellos e menos se non son da súa cor política”, rematou.