parlamento galego

BNG reclama á Xunta do PP garantías de igualdade e de non discriminación no reparto das axudas públicas

Óscar Insua
Óscar Insua
Oscar Insua denuncia que cada vez máis as subvencións ou bonos se reparten só por medios electrónicos e por orde cronolóxica de entrada

O deputado do BNG Oscar Insua defendeu no Parlamento unha iniciativa para reclamar á Xunta do PP que garanta a igualdade e a non discriminación no reparto de axudas públicas de concorrencia non competitiva porque, segundo denunciou, cada vez é máis frecuente que subvencións e bonos se concedan atendendo exclusivamente á orde cronolóxica de entrada das solicitudes -ata o límite do orzamento dispoñíbel- e que as peticións só se poidan presentar a través da sede electrónica da Administración galega.

“Cada vez é máis habitual que a Xunta utilice este sistema en convocatoria de axudas  de múltiples e diversas materias, tanto dirixidas a concellos como a persoas”, asegurou, aludindo a “todo tipo de bonos, dende os culturais até os deportivos ou os de turismo”, e a convocatorias en réxime de concorrencia non competitiva de diferentes organismos e consellerías ou organismos públicos.

O deputado nacionalista aclarou que o BNG non está en contra e explicou que as convocatorias ás que fixo referencia son discriminatorias no que respecta ás persoas porque “non todos os galegos e galegas teñen acceso a medios electrónicos, e tampouco os mesmos coñecementos dixitais para competir en igualdade de condicións”. Ademais, subliñou, os dispositivos cos que conta a cidadanía non son todos iguais e a cobertura nas conexións, sobre todo no rural, aínda teñen que mellorar.

“Queda moito por facer para suturar a brecha tecnolóxica que arrastramos en Galiza”, asegurou ao respecto, para poñer de relevancia a escasa cobertura de fibra que existe aínda nalgúns concellos, como Xermade (4%), O Páramo (6%), A Veiga (11,35%) ou Abadín (14%).  O mesmo sucede, engadiu, co 5G, que aínda non existe nalgúns concellos ou ten unha cobertura mínima noutros, como na Gudiña (1%) ou A Mezquita (5%), segundo os datos oficiais.

Respecto ao acceso á administración dixital, salientou que o número total de usuarios activos con Chave 365 é de 1,5 millóns, e a cifra de persoas no sistema de rexistro electrónico non chega a 187.000.

No que ten que ver coas axudas ás entidades locais, Oscar Insua afirmou que “resulta sorprendente” que en determinadas convocatorias que esixen a presentación dun proxecto haxa concellos que cumprimenten a solicitude satisfactoriamente en tempo récord. “Ante estes feitos, só existe unha explicación racional, que non é outra que igual só coñecen de antemán a futura convocatoria uns poucos e agraciados concellos”.

Chamada á rebelión dos alcaldes

Insua defendeu unha proposición non de lei para solicitar en concreto que a Xunta non utilice criterios nas convocatorias de axudas e subvencións en réxime de concorrencia non competitiva dirixidas tanto a concellos como particulares, que atendan exclusivamente á orde cronolóxica de entrada das solicitudes para a súa concesión, cando se teñan que facer obrigatoriamente por medios electrónicos.

Nun segundo punto, o BNG reclamou non utilizar criterios nas convocatorias de axudas e subvencións, que vulneren os principios de igualdade e non discriminación, no que atinxe ao disposto na lei de administración dixital de Galiza e que fomenten a transgresión dos dereitos laborais dos empregados públicos.

Ante a negativa do PP a apoiar a proposta nacionalista, o deputado da Costa da Morte fixo unha chamada “á rebelión” aos alcaldes do PP naqueles concellos cuxa veciñanza sae prexudicada á hora de acceder a axudas ou bonos da Xunta, unha chamada que estendeu tamén aos secretarios e interventores. “Teñen que acabar con esta mala praxe”, concluíu dirixíndose aos deputados do PP.  

Insua quixo deixar claro que o BNG non está en contra destas axudas nin bonos, pero reclamou que as que se dirixen a concellos se integren no fondo de cooperación local e non se repartan en réxime de concorrencia non competitiva.
 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG